Os Reis Magos visitaron todas al aldeas do concello de Sandiás onde hai cativos
“os nenos e nenas de sandiás son encantadores, tímidos pero cando se soltan moi faladores e con gran imaxinación”, manifestaron as súas Maxestades
Onte mércores 5 de Xaneiro pola tarde os Reis Magos de Oriente visitaron aos 33 cativos e cativas de 12 aldeas do Concello de Sandiás. Foi unha ruta moi emocionante, xa que segundo as súas Maxestades "os nenos e nenas de Sandiás son encantadores, tímidos pero cando se soltan moi faladores e máxicos e con gran paixón imaxinativa”.
Ademáis de visitar cada casa dende a que mandaron a carta en prazo, un lugar moi especial onde os esperaban con moita ilusión os nenos e nenas máis cativos acompañados dos seus educadores foi o PAI (Punto de Atención Infantil).
En palabras de Melchor, "os tres Reis Magos agradecemos enormemente a colaboración inestimable dos traballadores do Concello e algúns veciños que nos guiaron certeiramente por todo o Concello".
Segundo Baltasar, "os pequenos e pequenas de Sandiás son moi educados e intelixentes, xa que escoitaron con moita atención os consellos para deitarse cedo e durmir para recibir de noite os agasallos".
Gaspar, moi emocionado coa recepción do alcalde e de toda a veciñanza, declara que "volverán sen ningunha dúbida o próximo ano" porque considera que "poucos sitios son tan fermosos e gardan tantos tesouros como este Concello".
O alcalde, en nome de todos os veciños e veciñas, e antes da súa marcha agradeceu a visita ¡Moitas grazas pola vosa visita! Sempre seredes benvidos en Sandiás