Tenda de barrio en Vilar de Barrio

Tenda de barrio en Vilar de Barrio

Comezaba o ano 17 cando o avó do actual rexente da tenda, co cal comparte o nome de Tomás Fernández, instalouse en Vilar de Barrio. Chegaba xunto ao seu irmán coa xa experiencia profesional adquirida como dependente nun comercio de Maceda para facerse cargo do que sería un negocio familiar de moitos anos e, por ende, de moita historia.

2Un dos obxectos que aínda quedan na tenda
Co paso dos anos, o irmán co que chegara Tomás Fernández Llamas casou, e por este motivo decidiron separarse. El instalouse no 32 no lugar que ocupa agora a tenda e que dirixe o seu neto, Tomás Fernández Gómez, que xa fóra un pequeno comercio de ultramarinos, do que aínda conservan o mostrador e algúns outros obxectos. Mentres, o irmán abriu unha ferretería no Toural, para non facer competencia. Deste modo nacería un negocio que lle daría unha maior vida a un pobo que xa nese momento contaba cunha grande actividade.

Un dos obxectos que aínda quedan na tenda
Vilar de Barrio é un municipio da provincia de Ourense pertencente á comarca da Limia. Tempo atrás, asegura Fernández Gómez, “este pobo tiña unha vida moi importante pola construción do ferrocarril na guerra (...) aquí había moito ambiente nestas horas”. O comercio de Tomás, que así é como se coñece entre os veciños, “tivo unha vida comercial grande”, por motivo das múltiples persoas que acudían tanto de fóra como do propio pobo. Sen embargo, cando finalizou a guerra, o comercio quedou relativamente paralizado e, cando volveu, retornou tamén. Vilar de Barrio converteuse nun centro que atraía a centos de persoas, un punto importante na comarca posto que tivo electricidade moi cedo en comparación con outros da zona. O pobo limiá definiuse como un marco estratéxico ao que acudía toda a contorna da zona e chegou a reunir un elevado centro de comercio, composto tanto por ferreterías, bazares e demais tendas que recollían as principais necesidades da poboación que alí chegaba. Ademais, O Comercio de Tomás ofreceu a posibilidade de comprar tabaco, que antes tiña que buscarse en Allariz, a pesar de que estaba tasado e contaba con pouca variedade. A construción do AVE tamén fixo que moita xente acudira a esta tenda, e os obreiros que viñan tanto de fóra como do propio pobo deron vida, entre outros, a ese centro que, en tempos, fóra un núcleo máis que necesario.

Algúns produtos que se atopan na actualidade no Comercio de Tomás

Dende o ano 32 a tenda funcionou de xeito eficiente, pasando polo seu pai e é no ano 86 cando Tomás Fernández Gómez faise cargo da totalidade da tenda que hoxe coñecemos. Un mostrador de máis de 100 anos, unha estantería que tivo que ser transportada dende a casa de abaixo e outros engadidos, deron vida a un comercio que pouco a pouco chega ao seu fin.3

Hoxe podemos atopar na tenda todo tipo de elementos de confección, fogar, sabas, algo de papelería, de mercería... aínda que cada vez menos. O seu dono fai alusión á súa infancia e conta como “en tempos, de rapaz, recordo unha gran parte todo cheo de telas e como as feiras, como todo era a base de metro, eran moi boas para as ventas”. Pero na actualidade é cada vez máis difícil manter un negocio desta índole, e Tomás vese obrigado a ir rebaixando produtos como a confección infantil, posto que xa non hai nenos aos que venderllo. Sen embargo, este comercio foi evolucionando do mesmo xeito que a sociedade que o arrodea, e conta con novas tecnoloxías como Internet, co que vende a lotería, a pesar de ter que pedir axuda nalgunhas ocasións, como recoñece Fernández Gómez.

O comercio de Tomás chegou a ser un punto de tanta importancia non só polas súas ventas, senón polo seu 4carácter humano. Unha tenda de todos, de xente que, segundo Tomás, “está moi agradecida aos meus pais e avós polo feito de que tiñan a posibilidade de anotarse e pagar cando podían”. “Cando era rapaz estaba a tope”, recoñece un dono que ve como, co paso do tempo, pechan os almacéns que noutro momento lle ofrecían centenares de produtos. Como ten que desprazarse a Ourense a comprar de primeira man aquilo que necesita e como Vilar de Barrio convértese nun pobo no que “somos moi poucos”.

Non obstante, Tomás ten pensado continuar a súa función e dar vida ao seu comercio durante moito tempo máis: “eu pásoo ben aquí, é un entretemento”. Un home que continuará coa súa máxima de que “a idade biolóxica non corresponde coa psicolóxica”, posibilitando que os veciños de Vilar de Barrio poidan desfrutar aínda máis do Comercio de Tomás.