Ata 13 exemplares de cabra montesa poderán ser cazados na Serra do Xurés

capp21
Ata 13 exemplares de cabra montesa poderán ser cazados na Serra do Xurés
Medio Ambiente autorizará as capturas tras constatar a correcta evolución da especie REDACCIÓN redac@dendealimia.com  Twitter: @Dendealimia Despois de constatar a estable, constante e crecente...

Medio Ambiente autorizará as capturas tras constatar a correcta evolución da especie

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

 Twitter: @Dendealimia

Despois de constatar a estable, constante e crecente evolución da cabra montesa no parque natural Baixa Limia- Serra do Xurés, a Consellería de Medio Ambiente autorizará a caza de ata 13 exemplares, entre os vindeiros meses de outubro e xaneiro. A Xunta estuda un plan de aproveitamento desta especie para a tempada de caza 2014-2015 que será aprobada nas vindeiras semanas ao comprobar a ampliación progresiva da súa área de distribución territorial.

A captura realizarase mediante a modalidade do axexo e os exemplares serán previamente seleccionados polo persoal do Parque, unhas limitacións que buscan establecer un escenario que permita a conservación e equilibrio da especie ao tempo que se busca a rendibilidade para esta zona.

Especie extinguida

A cabra montesa é unha especie autóctona da Península Ibérica, que se extinguiu no Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés a finais do século XIX. Desde a década dos anos noventa, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza traballou en prol da súa recuperación; polo que no ano 1998 levouse a cabo a súa reintrodución, empregando exemplares procedentes do Parque Natural do Invernadoiro (orixinarios da Serra de Gredos en Ávila).

Dende o ano 2000 estase a realizar un seguimento da súa poboación mediante a participación de técnicos e vixilantes do Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés e do Parque Natural Peneda- Gerês en Portugal. Este traballo conxunto deu como froitos avistar unha evolución positiva da poboación, polo que en 2013 se encargou un estudo á Universidade de Vigo para determinar o estado real.