O VRAO MÁIS ESTRAÑO DAS NOSAS VIDAS

O VRAO MÁIS ESTRAÑO DAS NOSAS VIDAS
Carlos López
Carlos López

Din os expertos, que seica destas cousas sonche os que saben, que este pasado mes de xullo foi o máis caloroso dende que se teñen rexistros. É máis, precisaron que o día 6 de xullo batera todos os récords históricos cunha temperatura media de 17,08ºC. E ben sabemos que “lo medible no es opinable”, que diría algunha mente tan brillante coma letal.

A esa altura do mes, o certo é que o común dos mortais aínda se estaba a recuperar da resaca que deixaran as formacións das corporacións municipais por todo o país logo das eleccións municipais. Houbo pactos de cabaleiros, os menos, pactos a priori contra natura, os máis, e outros que ben poderíamos denominar como de natura morta, pola condición coa que naceron.

Nesas estabamos, padecendo unha calor abafante, e por riba inmersos nunha segunda convocatoria electoral, desta vez para escoller o novo goberno do Estado. En pleno verán, si, por primeira vez en España, pero segunda en Galicia, porque nós sempre imos por diante. Quizais por este fuso horario que non nos corresponde, que nos volve tolos, e que é tanto unha bendición na época estival como unha condena cando chegan os meses máis fríos e escuros do ano.

O certo é que a segunda cita coas urnas, máis que un resultado, revelou un paradoxo. Quedaron contentos os que acudían a elas con pesimismo e, á vez, decepcionou fondamente a quen as agardaba con ansia. Pero para a conclusión deste serial aínda teremos que agardar un chisco, pois non esquezamos que seguimos de verán e que os nosos representantes públicos andan maiormente de ferias aquí e acolá.

Á fin, o tempo discorre mentres debatemos sobre pactos poselectorais, destinos vacacionais, praias tailandesas onde aparecen bolsas con restos mortais. É normal que o ser humano faga todo o posible por tirar adiante coa súa vida, que tratemos de desfrutar o máximo posible. Pero cómpre que non perdamos de vista que cada vez máis a situación na Limia, como está xa a ocorrer tamén na contorna e a nivel global, tornarase aínda máis extrema se cadra. Lumes repentinos, agravados pola seca e os fortes ventos, e iso sen contarmos as perdas naturais e animais que comportan. Xeadas e invernos máis duros, con menos choiva, que prexudiquen os terreos antes da semente e afecten aos nosos cultivos.

En definitiva, este vrao non é como os demais. Pero semella marcar a tendencia dos que estan por vir. A lenta pero inexorable inestabilidade climática únese á política, e mesmo se poden trazar paralelismos entre fenómenos ambientais extremos e certas posicións extremistas. Agora que entramos na semana en que os limiaos conmemoramos a Festa do Esquecemento, lenda, mito fundacional e fito histórico da nosa vila, máis que nunca non debemos esquecer a situación coa que nos vai tocar vivir de aquí en adiante.