Melloran a seguridade viaria en Tixós (Baltar)

Tixos- Baltar
Melloran a seguridade viaria en Tixós (Baltar)

A intervención, que conta cun investimento de preto de 50.000 euros, céntrase na execución de novas beirarrúas na zona e dispón dun prazo de execución de 4 meses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade coa execución de novas beirarrúas na estrada OU-304 en Tixós, no concello de Baltar.

A intervención, que conta cun investimento de preto de 50.000 euros, terá un prazo de execución estimado de 4 meses.

Obras estrada Baltar
Obras estrada Tixós- Baltar

Os traballos teñen como obxectivo mellorar o tránsito peonil e o acceso ás edificacións da entrada sur do núcleo de Tixós, na súa conexión coa capitalidade municipal, mediante a construción dunha nova beirarrúa que conecte coa existente.

Executarase unha beirarrúa entre o punto quilométrico 12+630, enlazando coa beirarrúa existente da entrada do núcleo, ata o 12+870, onde finaliza no acceso a unha vivenda.

A beirarrúa terá unha anchura de 1,60 m, segundo o espazo dispoñible e mantendo a beiravía existente.

Entre o punto inicial e o 12+770 prevese a execución de muretes de contención no exterior da beirarrúa para limitar a ocupación, xa que o terreo nese tramo descende con certa pendente cara ás fincas lindeiras.