Unha vintena de coches clásicos “Morgan” estiveron en Xinzo
Algún tiña máis de 60 anos
A praza Carlos Casares, tinguiuse este medio día, case toda ela da cor verde característica dos “Morgan”
A viaxe comezárona nas Rías Altas e rematarana mañá preto de Lisboa.
A parada en Xinzo destes modelos fabricados en Inglaterra dende fai máis de 100 anos, foi organizada por Paco Paz, un entusiasta dos coches clásicos, veciño de Baronzas, que aproveitou que os seus compañeiros do club de “Morgan” portugueses pasaban por aquí para que fixeran unha parada que incluíu o almorzo nun restaurante da vila.

Unha vez rematada a comida, eloxiada por todos acudiu a agradecer a presenza na vila a alcaldesa Elvira Lama, quen tivo a oportunidade de probar o interior do máis antigo do grupo, con 60 anos de antigüidade. O propietario explicoulle que o seu coche estaba como o primeiro día que se fabricou, mantendo o volante a dereita.
Paco Paz, agradeceu en nome de todos as facilidades dadas polo concello para poder aparcar na praza, cousa que segundo manifestaron, non sempre ocorre así, tendo que deixar as súas “xoias”, moitas veces esparexidas.
Moitos veciños de Xinzo cando se enteraron achegáronse ata a praza e algún atreveuse a pedir que lle deixaran subir aos cativos, cousa que fixeron gustosamente.

Paco Paz despediuse dos seus compañeiros de viaxe por Galicia, quedando xa el nesta terra. Comentou que está preparando outra concentración de clásicos para máis adiante.