Porqueira terá un novo pozo para captación de auga
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, aprobou a concesión de nove axudas por un importe superior a 350.000 euros para cooperar na execución de proxectos municipais e actividades promovidas por entidades turísticas e organizacións sociais.

En cooperación cos concellos, concedéronse preto de 42.000 euros ao Concello do Bolo para a mellora do camiño do Seixo; máis de 6.000 a Gomesende para unha beirarrúa no núcleo de Casanova; 20.000 euros para un guía turístico na Peroxa; e a mesma cantidade ao Concello de Porqueira para un pozo de barrena que permita abastecer o pobo de Filgueira. Aprobáronse tamén dúas axudas por valor de 48.000 euros para o arranxo de vías municipais en Pontedeva e un proxecto de humanización na praza da Cerdeira de San Xoán de Río, ademais dunha subvención de 110.000 euros para un tanatorio en Vilariño de Conso.