Lobios acolleu as últimas xornadas de adhesión ao SICTED
O Edificio Multiusos acolleu as últimas xornadas do Plan de Sostibilidade do Destino Turístico "Ourense Termal"
O Edificio Multiusos de Lobios acolleu hoxe as últimas xornadas organizadas pola Deputación de Ourense a través do Plan de Sostibilidade do Destino Turístico "Ourense Termal", que ten como obxectivo informar a todas as empresas e entidades do sector turístico da Baixa Limia para que se adhiran ao Sistema Integral de Calidade Turística. Este Plan execútase co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a Secretaría de Estado de Turismo e a Deputación de Ourense.

O obxectivo desta actuación é promover unha estrutura de xestión permanente, que asegure o aumento da competitividade das empresas turísticas, así como aumentar a satisfacción dos turistas e favorecer a súa fidelización. Segundo explicou a xerente do Plan, Emma González, que estivo presente nesta última xornada, este é o "primeiro paso que debemos dar para consolidar o Sistema de Calidade do Destino Turístico da provincia".
Así mesmo, Emma González engadiu que “esta actuación permitiunos chegar a numerosas empresas do sector que estaban interesadas en obter esta distinción e, deste xeito, ir da man dos sectores privado e público para seguir dando pasos para aproveitar a chegada da Alta Velocidade á provincia e atraer turismo de calidade”.
O SICTED pretende implantar unha metodoloxía desenvolvida pola Secretaría de Estado de Turismo para os servizos turísticos públicos e privados, que contribúa mediante boas prácticas a mellorar a satisfacción do cliente en particular e o posicionamento do destino en xeral.

As xornadas de adhesión desenvolvéronse para as zonas de Monterrei-Verín, Ribadavia e agora con estas últimas para as da Baixa Limia, abarcando o territorio dos 15 concellos rurais termais que se beneficiarán do Plan “Ourense Termal”, que son: A Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Punxín, Ribadavia e Verín.