Sesión informativa en Xinzo sobre a declaración da renda dos retornados

Retornados en Xinzo
Sesión informativa en Xinzo sobre a declaración da renda dos retornados

Luís Gulín puido constatar que "moitos dos retornados de Alemaña, que perciben unicamente pensións dese país, ignoran que aínda poden rectificar as declaracións das rendas en España do 2017-2020"

A secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense comezou a súa rolda de sesións informativas sobre a declaración da renda, e destinadas, principalmente, ao colectivo de emigrantes retornados. O primeiro dos encontros celebrouse no salón de plenos do Concello de Xinzo de Limia e contou coa participación da alcaldesa da localidade, Elvira Lama, e do secretario provincial de emigracións, Luís Gulín, que escoitaron as inquedanzas de varios veciños e veciñas da vila e tamén lles informaron dos pasos a seguir.

Ante máis de 20 persoas, principalmente retornados de Alemaña, explicouse as exencións a tributar polas pensións estranxeiras e a problemática do pago do 5 por cento á Facenda de Alemaña, polas pensións percibidas dese país. Os socialistas destacan que esta temática especial "foi a que máis preguntas e dúbidas suscitou no público asistente".

O secretario provincial de migración, Luís Gulín, tamén puido constatar, tal e como explica, que "moitos dos retornados de Alemaña, que perciben unicamente pensións dese país, ignoran que aínda poden rectificar as declaracións das rendas en España do 2017-2020, solicitando a inclusión nas mesmas dos gastos sociais que queda Alemaña das súas pensións". Gulín indicoulles a documentación a achegar para as súas xestorías e asesorías de confianza ou para a propia Axencia Tributaria de España.

Outro dos puntos que maior interese suscitou, tal e como apuntan dende a secretaría provincial de migracións, "foi a tramitación da prestación de dependencia alemá, a súa casuística, baremos, prestación económica etc". A sesión finalizou cun breve resumo sobre a nova pensión básica alemá para a cal non hai que facer ningún trámite en especial. "Aquí a Seguridade Social alemá contactará en concreto con cada persoa beneficiada se procede", apunta Gulín.

A próxima sesión a celebrar será este próximo sábado, día 2 de abril, na Casa da Cultura de Verín. Tamén están previstas sesións en Oímbra, Vilar de Barrio e O Barco de Valdeorras, todas elas antes da chegada da Semana Santa.