Invisibilizadas para a Medicina
As zornadas organizadas polo Consello da Cultura Galega, a Valedora do Pobo na que colaboran activamente a Escola Rural de Saúde da Limia e o Concello de Xinzo tratan de visibilizar coas ponencias e debates as enfermidades que estiveron ou ben vetadas ás mulleres ou que mesmo as mulleres, como di o título das xornadas estaban e nalgúns casos están invisibilizadas para elas.
O feito de que na análise das enfermidades que se viñan considerando “femininas” se detecte a prevalencia de erros diagnósticos como estereotipos atribuídos e aceptados por profesionais médicos e da investigación científica é algo relativamente recente.
A consolidación destas ideas erróneas e sen base científica incide na discriminación das mulleres como obxecto da ciencia e como suxeito das súas conclusións e aplicacións, consolidando o descoñecemento e o estrañamento do propio corpo e os propios síntomas.
Desde o seu laboratorio no Texas Medical Center, en Houston, a neurocientífica galega Sonia Villapol confirma que o ciclo sexual e hormonal altera a eficacia dos tratamentos, polo que a maior presenza masculina nos ensaios dos medicamentos afecta a súa eficacia na poboación feminina. As súas investigacións veñen identificando diferenzas entre ambos os sexos en canto á inmunidade ou a diferentes mecanismos celulares e xenéticos.
Estamos perante un avance fundamental para combater o nesgo de xénero que confirma como única medida de análise, diagnóstico e tratamento a masculina. Xa que logo, convén acelerar este proceso de cambio, tanto na investigación científica coma na comprensión das potenciais pacientes na relación cos seus corpos e a súa saúde, para transformar as propias actitudes e poder tomar decisións con coñecemento e criterio.
Velaquí unha reflexión de conxunto sobre este anovador debate científico para o que abordamos varios exemplos notables de enfermidades non recoñecidas nas mulleres, sexa no ámbito laboral, en tratamentos para o control da natalidade, en patoloxías consideradas inexistentes ata hai pouco, ou dando a coñecer accións colectivas desde os movementos sociais que abren camiño nesta materia.