300 gaiteiros no XIV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas en Manzaneda
O campo de competicións da estación de montaña reunirá o domingo, día 30, a trece bandas de gaitas procedentes de León, A Coruña, Lugo e Ourense, incluíndo ademais o concurso de gaiteiros solistas e de bastóns de mando.

Xosé Lois Foxo foi o encargado de detallar o programa. Explicou que tralas dúas primeiras fases desenvolvidas en Xinzo de Limia e Quiroga, o domingo celébrase a fase final -tamén chamada Memorial Gabino García- no campo de competicións da estación de montaña de Manzaneda, única en Europa. Alí vanse dar cita 300 gaiteiros pertencentes a 13 bandas de gaitas procedentes de León, A Coruña, Lugo e Ourense, incluíndo ademais o concurso de gaiteiros solistas e de bastóns de mando.
No anterior festival celebrado en Xinzo, a banda B quedou no 1º lugar.
O programa do sábado inclúe o VI Serán da Seitura de Manzaneda -Memorial Ludivina Pérez-, que ofrecerá once actuacións na praza da Igualdade do concello. Unha cita que ten como obxectivo salvar do esquecemento os cantos da rica tradición da Galicia rural. Tras esta cita celebrarase na estación de montaña a Noite Celta coa participación de bandas de gaitas, grupos folk e gaiteiros solistas.
As actuacións serán retrasmitidas en streaming dende https://depourenseseneca.tv/live