A nova zona termal de Portoquintela (Bande) será unha realidade

Asinado do convenio Xuynta-Concello
A nova zona termal de Portoquintela (Bande) será unha realidade

Xunta e Concello de Bande asinan un convenio de colaboración para iniciar a redacción do proxecto de construción do futuro centro termal

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe un convenio de colaboración coa alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, para iniciar a redacción do proxecto de construción do futuro centro termal do municipio, que estará localizado á beira do encoro das Conchas.

Lorenzana lembrou que se trata dun proxecto no cal a Xunta e o Concello de Bande levan tempo traballando e que xa conta cunha proposta arquitectónica, que establece dúas zonas termais (interior e exterior), un espazo dedicado á prestación de servizos de hostalería, e unha zona de estacionamento para vehículos.

termas bande 2

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, avogou por que Xunta e concellos vaian da man para impulsar o termalismo en Galicia, que abrangue o 20% da oferta termal de todo o Estado, con preto de 150.000 turistas en 2022.

Ao respecto, apuntou que a Administración autonómica aprobou en 2019 a Lei de aproveitamento lúdico de augas termais de forma pioneira en España para potenciar un crecemento ordenado e seguro deste sector. E, por outro, mencionou a liña de axudas bianual que este ano a Xunta volveu convocar para o acondicionamento e mellora deste tipo de espazos termais de uso recreativo que hai en Galicia con apoios máximos de 200.000 euros por proxecto. En total, vanse beneficiar destas axudas os concellos de Salvaterra de Miño, Ourense e Punxín.

Lorenzana recoñeceu que levar a cabo as correspondentes obras de mellora nestes espazos non só supón unha oportunidade para a posta en valor deste tipo de instalacións, senón que vai contribuír, tamén, como un revulsivo para o turismo, a dinamización económica dos concellos.