Susana Váquez recibe ao delegado da Xunta en Porqueira
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, Susana Vázquez, o local social da Filgueira e o campo de hórreos e lavadoiro na praza de Reboreda, en Porqueira, ámbolos dous espazos reformados ao abeiro das axudas para corrixir impactos paisaxísticos en equipamentos municipais cunha chega de preto de 28.000 euros por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O delegado territorial explicou que o Goberno galego, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), convocou dúas liñas de axudas dirixidas a particulares e a concellos para executar actuacións que permitan corrixir os impactos paisaxísticos causados polo paso do tempo ou unha mala conservación en vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais. Os particulares beneficiarios recibirán un máximo de 3.000 euros, mentres que para as entidades locais o límite estará en 40.000 euros.
