"As traballadoras do ambulatorio de Trasmiras vístense como para ir a neve"

Temperatura que marca a sala do centro, a mesma que fora
"As traballadoras do ambulatorio de Trasmiras vístense como para ir a neve"

O BNG denuncia a deixadez e o abandono no que se atopa o centro de saúde, e culpa de todo elo ao alcalde

Dende o Bng Trasmiras queremos denunciar, unha vez máis, o estado de abandono e de deixadez no que se atopa o noso centro de saúde. As traballadoras e traballadores sanitarios, xunto coas veciñas e veciños doentes que fan uso deste servizo, teñen que aguantar ata temperaturas de 15°, tal como demostra a foto do seu termóstato, case a mesma que hai hoxe na rúa. 
  • O motivo: a calefacción non funciona e a xente traslada as súas queixas ao concello, pero o alcalde nunca está nel para dar explicacións e menos para pór solución ó problema. E non só falta a calefacción, non hai luz nos baños, chove na sala de espera, na sala de curas, e algunha ventá das consultas non pecha. Poden preguntarllo ás traballadoras que van abrigadas como se fosen esquiar á neve. 
  • Está claro que estes días chove moito, pero non é escusa para xustificar que non se atalle o problema. Non son estas as únicas instalacións nas que chove; no pavillón, nas esquinas e mesmo no centro da pista hai charcos de auga que case semellan a piscina municipal. As nenas e os nenos que van facer alí actividades teñen que saltalos ou sinalizalos, como se ve na foto, para esquivalos e non esvarar e caer neles. 
  • Vaia, vaia! O que está claro é que no noso concello, ou quedamos sen servizos ou os que temos son nefastos. Moito falar de subvencións e moito "pido e traio", pero mentres... as veciñas e veciños usando servizos ineficientes e obsoletos.