Os Blancos terá un polígono Agroforestal

Alcalde e concelleiros recibin as explicacións dos técnicos
Os Blancos terá un polígono Agroforestal

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural reuniuse con veciños e o alcalde deste municipio ourensán para explicarlles as vantaxes desta figura ligada á Lei de recuperación de terras


A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada polo alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, mantivo esta mañá unha reunión con veciños deste municipio en relación co polígono agroforestal de Aguís-Pexeiros.

 

A directora xeral explicou que se trata de mobilizar, a través deste instrumento da Lei de recuperación de terras, un total de 29,73 hectáreas, distribuídas en 222 parcelas de 131 propietarios. Puxo en valor, ademais, que o polígono se situará nunha zona na que existe unha gran demanda de terras para gandaría en extensivo, por exemplo de ovino, polo que esta ferramenta irá orientada cara a satisfacer estas necesidades.

 

Nesta liña, Inés Santé salientou que esta iniciativa se sumará aos 26 polígonos que actualmente se atopan en distintas fases de execución en Galicia e que supoñen a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. Subliñou, asemade, que 17 destes polígonos corresponden á provincia de Ourense, sumando máis de 5.200 hectáreas de terreo.

 

Impulso á mobilización de terras no 2024

 A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural destacou o compromiso do Goberno galego coa mobilización de terras. Os orzamentos do 2024 contan cun investimento de 7,4 millóns de euros para seguir impulsando os polígonos agroforestais e as aldeas modelo -das que hai 21 aprobadas e 14 atópanse na provincia de Ourense-. A maiores, Santé remarcou, outras ferramentas de mobilización de terras como son as agrupacións de xestión conxunta e as permutas de especial interese agrario.

 

Todo este traballo, destacou, xunto ao labor desenvolvido mediante as concentracións parcelarias decretadas, axilizando a súa tramitación, fixo posible a posta en valor de arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia por iniciativa da Xunta. Para elas, os orzamentos do 2024 potenciarán o desenvolvemento das 29 concentracións parcelarias decretadas desde 20221, con 24 millóns de euros.

 

Neste contexto, Inés Santé trasladou que o obxectivo que se persegue con estas iniciativas é dinamizar o territorio e xerar actividade económica para que sexa posible vivir no e do rural, así como tamén para anticiparse aos lumes e diminuír os danos que poidan causar.