Solución provisional ao problema da pediatría no Centro de Saúde de Xinzo

Solución provisional ao problema da pediatría no Centro de Saúde de Xinzo

 A Xunta intentará cubrir temporalmente con prolongacións de xornada doutros profesionais da contorna


O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial, mantiveron esta mañá unha reunión co alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, para abordar a situación asistencial da especialidade de pediatría no centro de saúde de Xinzo de Limia.

Ante a situación de baixa médica dun dos facultativos, o delegado territorial e o xerente explicáronlle ao alcalde que se intentará cubrir temporalmente con prolongacións de xornada doutros profesionais da contorna mentres se trata de ocupar esa praza mediante a oferta pública de emprego ordinaria, o vindeiro concurso de traslados ou, de ser necesario, un concurso de méritos específico sen oposición utilizando a Lei de medidas urxentes para prazas de difícil cobertura que aprobou a Xunta en 2022.