Cociña de aproveitamernto con conversas saudables
O CDR O Viso segue con talleres de cociña polos pobos da Limia
Rematadas en Laroá as sesións de “veciñanza saudable",
onde tratamos a importancia dunha alimentación saudable, o exercicio na nosa
vida cotiá, o benestar emocional na alimentación e no autocoidado, continuamos
coas nosas reunións semanais… incorporando o aprendido á nosa cociña de
aproveitamento, algo que sempre fixemos e que agora lemos nos artigos das
revistas máis recoñecidas a nivel mundial.
Este ano foi rico en marmelo e mazás …. nas conversas falamos de poder facer do
excedente de froita, un momento para compartir receitas, formas de cociñar e
ter un bo tempo de conversa.
Dito e feito! Coa colaboración dun grupo numeroso de veciñas e veciños,
conseguimos moitos marmelos e mazás, que recolleron e trouxeron das súas casas,
e organizamos dous martes de cociña de aproveitamento e de conversa.
Unha tarde fixemos marmelo seguindo a receita tradicional (a que levan facendo
toda a vida) e cada persoa levou un recipiente coa proba para a casa.
Como foi todo un éxito, na tarde do 31 de outubro, para festexar o Samaín,
decidimos facer dúas receitas con mazás; uns vasiños de iogur e mazá e unhas
empanadillas tamén de mazá. Mentres se facían dedicamos a tarde a falar e
seguir facendo comunidade.
Unha vez tivemos a comida preparada foi un gusto tomar o café quentiño
acompañado da sobremesa que con tanto cariño fixemos.
Dende os nosos pobos seguimos pondo en valor o que sempre fixemos e funciona;
aproveitar os froitos que nos da a terra, compartir receitas e un tempiño de
“conversa saudable” en días de frío e choiva.
Estas actuacións enmárcanse no proxecto BIOCOIDADOS: novos modelos de coidados
prestados pola comunidade, centrados na persoa, nas contornas rurais; está
vinculado ó Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Secretaría
de Estado do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, e financiado pola
Unión Europea – Next GenerationEU.
https://www.kizoa.com/Video-Editor/d402842689k9295409o1l1/Cocia_de_aproveitamento._Laro_2023