O vindeiro 25 de novembro, sábado, será a entrega da VI Edición do Premio Pedra Alta

Presentación do premio Pedra Alta 2023
O vindeiro 25 de novembro, sábado, será a entrega da VI Edición do Premio Pedra Alta

O actor, Sergio Pazos, fará a laudatio da premiada, Amalia Gómez Manso (Santana-Sandiás, 1927), fundadora do restaurante Novaíño.




O acto comezará coa lectura do manifesto sobre o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a cargo da asociación de mulleres ‘Arracada’, de Vilar de Santos.

A continuación faráselle entrega dos carnés de amigos do Museo ás persoas que, dun xeito altruísta, colaboran todos os anos co Padroado do Museo da Limia nos actos de entrega do Premio Pedra Alta.   

Seguidamente comezará o acto propiamentedito de entrega do Premio Pedra Alta a dona Amalia Gómez Manso, fundadora do restaurante Novaíño.

Na persoa de dona Amalia, o Museo da Limia quere renderlle unha homenaxe a todas as mulleres, que tanto contribuíron ao desenvolvemento da nosa comarca.


Hai arredor de 70 anos, a mediados dos anos sesenta do século pasado, dona Amalia Gómez Manso foi quen de transformar unha taberna de aldea, situada ao pé da N-525, en Novaíño (Piñeira de Arcos), nun dos restaurantes máis emblemáticos da comarca da Limia, que hoxe rexenta a terceira xeración familiar, representada nos seus netos Toño e Ana, acompañados pola súa nai Pepita, despois da xubilación do fillo, Antonio.

Cómpre salientar a aposta decidida e continuada pola cociña tradicional galega e polos produtos autóctonos, nun lugar de parada necesaria, de encontro e acollida, onde poderiamos contar cos dedos das mans os limiaos que non pasaron nalgunha ocasión polo restaurante O Novaíño, para xantar ou participar nalgún banquete familiar ou de amigos. Sería difícil atopar un camioneiro, un viaxeiro de paso que, tendo que circular pola N-525 ao seu paso pola Limia, non parase algunha vez no restaurante da nosa homenaxeada co Pedra Alta de 2023.

A reunión extraordinaria do Consello Asesor do Museo da Limia tivo como un dos puntos da orde do día a elección da entidade, asociación ou persoa física que considera merecedora da concesión do premio anual Pedra Alta na súa 6ª edición.]

O premio consiste nun diploma de recoñecemento e nunha réplica de do menhir atopado na Lagoa da Antela, coñecido como Pedra Alta, aportación altruísta do escultor limiao, Xosé Lois Carreira O acto de entrega das distincións, aberto a cantos queiran asistir, será na sede do Museo da Limia e no salón multiusos do concello de Vilar de Santos o vindeiro día 25 de novembro (sábado). A laudatio da premiada corresponderalle ao actor limiao, Sergio Pazos. O acompañamento musical, como nas edicións anteriores, estará a cargo de Luis Humberto Cao e Baldemoro Pavón. A celebración concluirá cun expléndido cocido de fraternidade limiá no restaurante Novaíño de Sandiás, que colabora como patrocinador dos premios.