Nova distinción para o CDR O Viso
O mércores 15 de novembro estaban convocados ó acto de entrega de Premios ao Desenvolvemento Rural de Galicia (XIV edición) en San Domingos de Bonaval.
Máis de medio cento
de candidaturas se presentaron a algunha das oito categorías: de mocidade, para
persoas de menos de 40 anos; paisaxe rural, para iniciativas de intervención,
mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas que se
integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario;
de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de
colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do
sector agro gandeiro; de mulleres, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas
por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de recuperación e posta en
valor da terra agraria.
A dotación orzamentaria total que destina a Consellería do Medio Rural a estes
galardóns é de 80.000 euros, a razón de 10.000 euros para cada un dos gañadores
participantes nas oito categorías establecidas. O obxectivo destes premios é
recoñecer por parte do Goberno galego aquelas iniciativas que contribúan de
xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis
dinámica e cohesionada, tal e como se explica nas bases e na convocatoria.
Nun acto moi organizado e guiado por Xiana Albor, comunicadora ambiental, a
primeira en tomar a palabra foi Inés Santé que entre outras cousas agradeceu a
nutrida presenza de autoridades (Secretarios xerais, Directores xerais,
Delegado da Xunta en Ourense... Conselleiro de Medio Rural) e o recoñecemento
ós proxectos singulares presentes. Tras lembrar as máis de 90 iniciativas xa
recoñecidas dende o 2003 na que naceron estes premios e contarnos que lle
quixeron dar unha identidade propia a esta XIV edición pasaron a ir dicindo as
dúas finalistas en cada categoría (das que puidemos ver algunhas imaxes dos
seus proxectos e unha breve explicación), para inmediatamente descubrir o
proxecto gañador coa entrega dun galardón e a posibilidade de dispor dun minuto
para os agradecementos.
O acto que contou con dúas actuacións, a do Mago Teto e a de Catuxa, rematou
coa intervención do Conselleiro de MR que falou deste coma un acto
especialmente querido, de manter as tradicións que nos fan mellores e do
desenvolvemento que se apoia nelas; fixo un percorrido por cada unha das
experiencias gañadoras e unha referencia cando falou do CDR O Viso a unha
comarca tan extraordinaria como a Limia.
Toño Rodríguez, agradeceu na súa intervención o premio en nome de todos os traballadores e traballadoras do CDR O Viso Porque somos o que agradecemos, velaquí un recoñecemento a todas as persoas que ó longo destes 38 anos fixeron e seguen a facer posible o que nos parece necesario: coidar as persoas, coidar a terra, coidar a comunidade. Graciñas; grazas tamén ás entidades e administracións que nos posibilitan os medios e nesta ocasión a AGADER por apreciar a nosa candidatura merecedora deste galardón.(Toño-Lodoselo)