“A esencia da orixe”
Degustación de produtos locais, showcookins, obradoiros, música e artesanía para coñecer “A esencia da orixe”
A presentación do proxecto “A esencia da orixe” abarrotouo sábado o lugar de Pitelos, en Verea (Ourense). Sobre todo a media mañá, hora á que as familias con nenos e nenas de Verea se achegaron ata a Gandería Nogueira onde puideron ver a transformación dun galpón nun espazo novidoso no que se celebrou o evento que estivo amenizado polo cuarteto Caramuxo e no que se contou tamén coa presenza de distintos postos de artesanía.
Este acto estivo organizado polo GDR Limia-Arnoia, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, a Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra Norte, o Concello de Verea, Ganadería Nogueira e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Da alta cociña ao rural
A xornada comezou as 12:00 horas cunha sesión vermú con degustación de produtos da zona cociñados in situ por Iván Méndez, xefe de cociña en Tabalú Food&Tech; e Álex Iglesias, do restaurante Dúas Liñas de Arzúa; que fixeron unha demostración de como se poden transformar os distintos produtos na súa orixe a través da alta cociña. Empanada de mexilóns, verduras da horta do Rosal, torrixa de pan do Porriño, ñoquis de pataca galega, cabaza e shiiitake, papanduxas homenaxe a Álvaro Cunqueiro, panceta confitada e suflada con crema de grelos e pataca de Galicia, milfollas de filloa e requeixo con virutas de mazá da Estrada, tataki de rubia galega con pataca risolada da Limia, foron algún dos pratos que puideron degustar as familias que acudiron á cita. Mentras, a rapazada participaba en diferentes obradoiros nos que dun xeito lúdico descubriron moitas das actividades do campo e tamén degustaron mini burguers de cachena, bica de Verea e roscón de Copena Gondomar e zume de mazá ecolóxico.
O evento continuou pola tarde cunha visita a Gandería Nogueira que actualmente conta con máis de 300 reses. “É aquí onde está a verdadeira esencia da orixe” asegurou Eva González, xerente do GDR Limia-Arnoia, durante a visita para explicar a aposta que fixo esta familia polo rural e pola gandeiría como un medio de vida. A xornada rematou coa presentación deste proxecto ante diferentes cargos políticos e na que tamén partcipou o cociñeiro Gerson Iglesias, do restaurante Erva do hotel Oca Vila de Allariz.
“A Esencia da orixe” é un proxecto que ten como obxectivo a posta en valor do rural así como dos produtos locais a través da gastronomía, da cultura e do patromonio e que se sitúa como o seguinte chanzo do proxecto de cooperación transnacional Eurocheff II.