A Xunta pon en funcionamento un matadeiro móbil
Para acudir a pequenas explotacións afastadas de ovino, cabrún e porcino
O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe en
valor o investimento de preto de 1,7 millóns de euros do seu departamento para
a creación do servizo de matadoiro móbil. Destes fondos, aproximadamente a
metade xa se executaron e o resto figura nos orzamentos de 2024.
O conselleiro presentou esta iniciativa nun acto que tivo lugar esta mañá en Chantada e no que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, polo alcalde desta localidade luguesa, Manuel Varela e polos delegados territoriais da Xunta en Lugo e Ourense, Javier Arias e Gabriel Alén, respectivamente.
O servizo contará cunha decena de traballadores e, para optimizar o seu funcionamento, habilitarase un número de teléfono específico e un acceso web, co fin de resolver dúbidas e facilitar a petición de citas.
O titular de Medio Rural destacou que esta iniciativa permitirá mellorar a
xestión e a rendibilidade de moitas explotacións de pequeno tamaño, localizadas
en zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas
a distancia dos matadoiros convencionais. Trátase, sinalou González, de
facilitar o sacrificio de ovellas, cabras e porcos nesas zonas, optimizando así
a xestión destas explotacións ao reducir os custos de transporte do gando e
mellorando ao tempo a calidade da carne e o benestar animal. Así mesmo,
engadiu, dinamizaranse estas áreas, ao dotalas dun servizos que as fará máis
atractivas para traballar e para vivir.
Nesta liña, o conselleiro salientou que con esta iniciativa plásmase o compromiso da Xunta por “impulsar as pequenas explotacións -especialmente as de extensivo-, traballar no benestar animal e ser quen de innovar para mellorar a situación do rural galego”. Engadiu que en Galicia, pola “dispersión das súas explotacións, este proxecto ten especial razón de ser” e definiu as instalacións presentadas hoxe como “moito máis que dignas” para arrancar con este servizo.
Iniciativa pioneira en España
Asemade, o conselleiro definiu esta iniciativa como pioneira en España e explicou que para a súa posta en marcha estudáronse os antecedentes noutros países, caso de Suecia, así como as posibles explotacións interesadas. A partir de aí, indicou, creouse un matadoiro que se basea en dous eixo principais. Por un lado, a propia unidade móbil de sacrificio de gando, montada sobre un semi-remolque frigorífico, dotado da súa correspondente cabeza tractora. Por outra banda, unha instalación base con sede en Chantada, que permitirá, entre outras cousas, o almacenamento das pezas en canal en cámaras frigoríficas, o mantemento e desinfección da unidade móbil e a xestión administrativa e de residuos.
Nesta liña, José González remarcou os prezos “moi razoables” para os gandeiros por prestarlles este servizo. Así, lembrou que van dende os 10 euros para animais ovinos e cabrúns menores dun ano (contabilizando só o sacrificio e a preparación do canal) ata os 50 euros para os porcos, no caso de incluír tamén o almacenamento e transporte a punto de distribución.
A maiores, o conselleiro avanzou que, no marco desta iniciativa, vaise desenvolver unha marca, como certificación de calidade, que amparará os produtos resultantes dos animais sacrificados como de proximidade e cun alto grao de benestar animal, entre outras vantaxes recoñecibles.