O PSOE saca "peito" no pleno

Grupo PSOE-Concello de Xinzo
O PSOE saca "peito" no pleno


O proxecto de humanización da travesía N-525 en Xinzo “será unha realidade, gracias aos esforzos e comunicación constante do grupo municipal socialista co ministerio e coa demarcación de estradas en Galicia e en Ourense”, afirma Elvira Lama

Nota PSdG-PSOE- Xinzo

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia celebra o acordo para a cesión do tramo urbano da estrada nacional 525 ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para proceder o proxecto de humanización ao seu paso por Xinzo. Os e as socialistas, que demandaron esta “ambiciosa” actuación ao ministerio no ano 2021, destacan que este proxecto supón “a mellora da mobilidade e a seguridade viaria” en todo o tramo urbano da N-525. O proxecto de construción que vai ser licitado polo ministerio foi conseguido durante o anterior mandato, cos socialistas ao fronte do goberno municipal e será realidade e entregado ao concello cando rematen as obras.


No pleno municipal, celebrado esta mañá en Xinzo, acordouse por unanimidade a cesión do tramo entre os puntos quilométricos 197+060 a 200+00 ao ministerio para efectuar as mencionadas obras que terán que estar finalizadas en decembro de 2026. Tamén se aprobou a solicitude para que sexan incluídas as incorporacións feitas polos técnicos en relación ás actuacións de drenaxe de pluviais e as conexións das acometidas domiciliarias mediante os informes da concesionaria de saneamento e abastecemento.

 

“Estamos ante unha gran nova para Xinzo” afirma a voceira do PSdeG-PSOE, Elvira Lama Fernández, que sinala que “celebramos que se continúe o trámite para facela realidade cun orzamento base de licitación de 3.941.139,34 euros. A edil socialista tamén aproveita para lembrar as “reticencias” amosadas polo voceiro do Partido Popular cando foi publicada no BOE número 99 do 24 de abril de 2023, xa que tal e como apunta Lama “criticou publicamente o proxecto pola anchura das beirarrúas e a operatividade do proxecto”.

 

Dende o grupo municipal socialista de Xinzo de Limia destacan que “esta importante e necesaria actuación vai supoñer un antes e un despois na principal vía comunicación de Xinzo e transformará para sempre o urbanismo da vila”. Neste senso recalcan que o proxecto “tamén transformará a fisionomía de Xinzo, engadindo valor ás propiedades inmobles e o máis importante, mellorando a mobilidade tanto de vehículos como de peóns, con carrís bici ata os centros de ensino de secundaria” e subliñan que “a seguridade viaria tamén mellorará notoriamente coa construción de dúas rotondas nos cruces conflitivos, a pista Zepetal e nos acceso aos IES e o parque de bombeiros”.

 

O proxecto de humanización da travesía de Xinzo de Limia na N-525 “vai ser unha realidade, gracias aos esforzos e comunicación constante do grupo municipal socialista co ministerio e coa demarcación de estradas en Galicia e en Ourense”, indica Elvira Lama. A voceira socialista pon de manifesto que “estamos seguros da súa importancia vital para o desenvolvemento urbano de Xunzo, principalmente nas dúas entradas da vila a Avenida de Ourense e a Avenida de Madrid, que contan con servizos e beirarrúas do ano 1966, nun estado de grave deterioro e abandono”.

 

Tal como consta no proxecto: ”a solución planificada consiste na humanización, modernización, e adaptación á vida cotiá e a dotación de equipamentos no entorno da N-525, ao seu paso polo núcleo urbano de Xinzo, mediante a ordenación dos espazos, atendéndonos ás necesidades actuais e futuras, co aproveitamento ao máximo da plataforma existente”. As actuacións principais son a ampliación do espazo de paseo peonil, a creación de aparcadoiros que hoxe non hai, unha maior seguridade para peóns e a pacificación do trafico rodado mediante unha estratexia de urbanismo táctico.