Pensar nos demais.

Pensar nos demais.

Tiña que ser cousa de tempo que a auga volvese caer nos campos outrora ocupados pola lagoa de Antela.

Este domingo andei pola miña vila para botar unha man na matanza. Ía frío e xa imaxinei na volta para Vigo que o temporal volvería cos seus ballóns e bategadas de auga. A altura de Sandiás, as nubes, dunha cor cinsenta escura, pairaban no ceo polo alto da Torre do Castro. Tiña que ser cousa de tempo que a auga volvese caer nos campos outrora ocupados pola lagoa de Antela.

Cando cheguei a casa, púxenme a remexer no meu arquivo de prensa na procura dun histórico meteorolóxico de temporais e chuvia. Así, lin unha noticia no xornal La Región publicada no número 611 do 16 de febreiro de 1912 na que se informaba do temporal que asolaba España e que afectaba grandemente a Xinzo. O correspondente dicía textualmente que “Llevamos un mes de lluvia torrencial tan solo interrumpida por algunos días de nieve. El viento huracanado fue aún más molesto y perjudicial, arrancando árboles y levantando techos.”

Supoño que a aquel temporal non lle chamarían de ningunha maneira, mais duns anos para aquí, existe o costume de lle pór nome cando acadan o nivel laranxa. Non sei que nivel tería a citada, mais o xornalista autor da crónica dicía que “a lagoa de Antela, completamente chea, ofrecía como poucas veces o aspecto do mar coas súas ondas, que impulsadas polo vento irrompían nos campos lindeiros,  ateigando aldeas como Zadagós e outras preto das beiras”.

Debeu ser un espectáculo, co seu lado negativo, xa que logo o correspondente informa de que as aves da lagoa ocuparon os campos sementados causando moitos danos neles e mesmo a aldea de Paredes, en San Pedro de Laroá, foi abandonada polos veciños.

Como ó mal tempo hai que poñer boa cara, veño de saber da primeira gala A dama da Lagoa, que terá lugar o vindeiro sábado 9 de decembro no café Bando´s. Convidan a todo o mundo e aconsellan ir vestido de gala. Paréceme unha idea orixinal á que lle desexo todo o éxito e continuidade.

Iniciativas lúdicas coma esa, ou culturais como as desenvolvidas no Espazo Cultural Ágora de Sonia Trigo ou no Taller de escrita e lectura A letra fala dirixido por Rosa Trujillo, para todas aquelas persoas que queiran asistir, parécenme algo marabilloso e loable. Sobre todo nestes tempos nos que  semella que o fin xustifica os medios calquera que sexa o prezo a pagar. Afeitos como estamos a escoitar todos os días que pouco importa ese prezo con tal de acadar o fin que un se propón, incluso tendo en conta que tal cousa ocasione danos a unha grande parte da sociedade e xere diferencias entre uns poucos e o resto, abráiame atopar iniciativas coma estas de Rosa e Sonia. Desexo sinceramente que se manteñan no tempo e medren para chegar a cantas máis persoas mellor.

Rafael Laso Lorenzo