Seguen as actividades de Cadernos da Limia en Sandiás
A letra fala. Taller de lectura escritura de Rosa Trujillo sobre a memoria da Lagoa de Antela
Como segunda actividade organizada no marco da exposición Cadernos da Limia, o taller de escritura/lectura "A Letra Fala", que coordina Rosa Trujillo, trasladou o seu encontro dos venres á Casa da Cultura de Sandiás, coa asistencia dos participantes habituais e outras persoas que se sumaron a esta convocatoria aberta. A paisaxe e a memoria serviu como escusa para despregar unha ampla colección de libros relacionados coa Lagoa de Antela e a creación literaria limiana. A visita guiada á exposición serviu de preambulo á lectura dalgúns textos significativos (Miro Martinez Cerredelo, Elixio Rivas), as contribucións literarias de Rosa Trujillo, Pepe e Manuel Lopez Martinez, os relatos de recordos da infancia referidos polos participantes e o comentario dalgunhas vellas fotografias achegadas polos participantes (entre as que se atopaba o orixinal da icónica imaxe da Lagoa de Antela tomada nos anos cincuenta por Cesáreo Manso). O saúdo de desde Miami de Adelaida Gómez e a glosa final de Pepe Gándara elevaron a temperatura emocional deste encontro compartido con tantos amigos.
Esta "intersección" entre a imaxe e a palabra propúñase como unha exploración das conexións entre a paisaxe e a memoria, que na Limia ecoa con especial intensidade. O encontro transcorreu placidamente durante case 3 horas, nun ambiente cómodo e familiar. Todas estas actividades non son un apéndice da exposición, forman parte da súa mesma esencia e achegan significado ao que se exhibe nas paredes. Quen participa nestes encontros e presentacións son literalmente co-autores deste diálogo creativo que son os Cadernos da Limia.