O BNG denuncia que se agrava a crise pediátrica en Xinzo

Manolo e Camilo no plenario de Xinzo
O BNG denuncia que se agrava a crise pediátrica en Xinzo

Cando parecía difícil que empeorase, a baixa do pediatra que quedaba deixa o Centro de Saúde de Xinzo nunha situación crítica, segundo Camilo Vila.

Camilo Vila, voceiro municipal do Bng de Xinzo lamenta que se cumpra un dos escenarios que advertiu nas últimas reunións co Grupo de Goberno. Malia a boa vontade predicada polo Partido Popular, os feitos indican que o servizo de pediatría de Xinzo corre un grave risco. Dende o verán unha das facultativas atópase de baixa e o remendo da xerencia do Sergas é “absolutamente insuficiente”, apunta Vila, e nos últimos día o pediatra que continuaba á fronte do servizo atoparase temporalmente incapacitado o que provoca outro “parche”.
Cando o recomendado pola poboación que atende son ter servizo de pediatría 80 horas á semana, agora mesmo o centro de saúde de Xinzo ten servizo de pediatra unicamente 20 horas (media xornada) e 9 horas de puericultura. 


Camilo Vila alude tamén á improdutividade da reunión mantida a semana pasada co resto da Corporación municipal onde quedaron invalidados tanto o argumento de que non hai pediatras coma o de que é imposible administrativamente cubrir o servizo: “desconfío moito de quen di que non hai solucións pero que recoñece que si que as había cando a xente se rebela”.
Os argumentos esgrimidos polo líder nacionalista son tamén validados polo sindicato CiG-Sanidade.
Vila advirte de que “é unha irresponsabilidade mandar a calquera neno ou nena menor de catro anos directamente ó servizo de Urxencias do CHUO pola conxestión do servizo e polo que significa tal volume de desprazamentos”.