Xa podemos resolver calquera cuestión administrativa coa Deputación cunha chamada telefónica
A Deputación de Ourense pon en marcha un sistema pioneiro en Galicia contra a exclusión dixital coa “administración por voz”
A Deputación de Ourense vén de acadar un novo avance na súa transformación dixital coa posta en marcha dun sistema de “administración por voz”, pioneiro en Galicia, que implica unha importante innovación social ao permitir que as persoas máis vulnerables no ámbito tecnolóxico utilicen a administración electrónica en igualdade de dereitos que os cidadáns dixitais.
Na presentación desta nova canle administrativa participaron o presidente provincial, Luis Menor; a deputada de Benestar Social, Patricia Torres; e o director da área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, que fixeron unha demostración práctica deste novo sistema que utiliza a voz da persoa usuaria como a súa “sinatura biométrica vocal”. De feito, o propio Menor Pérez realizou unha simulación en directo para amosar os pasos e mecanismos implantados con este sistema, para o que só é necesario contar cun teléfono móbil con whastapp ou correo electrónico, aplicacións que dan entrada á tramitación e que recibe ao final o xustificante de presentación do trámite realizado.
Con este novo método, as persoas que non
dispoñen de medios ou de coñecementos tecnolóxicos -ou na meirande parte dos
casos, que non teñen certificado dixital-, poderán obter o mesmo dereito que os
cidadáns dixitais, cos mesmos prazos e menor carga administrativa.
“Estreamos unha nova canle onde a voz de cada persoa será o método de sinatura dos seus trámites, contribuíndo a lograr que todos poidan gozar das oportunidades que ofrece a dixitalización e ninguén quede atrás”, explicou Luis Menor, que agradeceu o traballo realizado na área de Benestar tras iniciar hai anos un proceso de transformación dixital “para lograr unha administración provincial con políticas sociais máis accesibles dixitalmente para a cidadanía”.
Xa operativo no Programa ChegOU
De feito, Menor anunciou que desde hoxe mesmo as persoas interesadas no Programa ChegOU de apoio á natalidade xa poden presentar as solicitudes por esta nova canle de “administración por voz”, e desde xaneiro de 2024 todos os programas da área de Benestar poderán ser solicitados mediante este sistema “pioneiro, moderno e moi útil”, recalcou o presidente provincial.
Sistema multicanle a prol da igualdade de dereitos
Precisamente, o director da área de Benestar explicou a liña de traballo deste departamento provincial, que configurou un sistema multicanle para que, de modo efectivo, todos os cidadáns tivesen os mesmos dereitos no ámbito dixital, adaptándose ás capacidades de cada persoa. Con todo, prestábase particular atención a aqueles cidadáns que non dispoñen de medios online ou coñecementos tecnolóxicos. Neste sentido, existían varias alternativas de atención, xa fose 100 % dixital, sen necesidade de desprazamentos da cidadanía; atención presencial para os casos de fenda dixital severa; e unha alternativa de carácter híbrido, é dicir, dixital e presencial.
Pasos a dar
As persoas que queiran solicitar o Programa ChegOU a través da “administración por voz”, poderán chamar ao 988317766 e fixar unha cita. Recibirán un correo electrónico e a través de whatsapp unha ligazón para ser atendido o día e a hora que solicitasen.
O día e hora da cita deberá facer click na ligazón que reciba para ser atendido a través do móbil ou PC por un empregado público que cubrirá a solicitude on-line. Unha vez terminada poderá visionala no dispositivo e asinala coa voz, que será a sinatura biométrica vogal que quedará anexa á solicitude, sendo presentada ante o rexistro electrónico a través dun funcionario habilitado. No mesmo día, en correo e por whatssapp recibirá a solicitude rexistrada.
No prazo máximo de sete
días hábiles (no caso de que cumpran os requisitos solicitados para a concesión
da axuda) a persoa recibirá no seu
domicilio unha tarxeta prepago coa axuda que lle corresponda para ser empregada
en gasto sosiosanitario nas farmacias da provincia.