Mulleres ilustradas da Limia. Socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres
"Mulleres ilustradas da Limia"
Novo porxecto do CDR O Viso
O logro da igualdade de xénero é máis que un obxectivo; é unha condición previa para afrontar o reto de reducir a pobreza, promover o desenvolvemento sostible e a construción dunha sociedade xusta. A miúdo as mulleres fomos marxinadas da “historia oficial”, e se queremos un mundo onde sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres temos que facer un esforzo de recuperación de historias de mulleres. Hai pouco que temos a posibilidade de descubrir unha historia oculta durante séculos. As mulleres, ademais da súa aportación para soster o fogar como nais e coidadoras (que xa non é pouco) realizaron unha importantísima labor no desenvolvemento político, científico, social e económico… que a historia - escrita por homes- invisibilizou. Vendéronnos que a historia dos homes era extensiva á historia da humanidade. Pero onde estamos nós? Onde estamos as mulleres?
AS MULLERES ILUSTRADAS DA LIMIA é unha pequena pincelada de recuperación e visibilización de historias. E non queremos ir moi lonxe. Non fai falta. Queremos falar das nosas. Das nosas mulleres. De mulleres bravas, de mulleres que forman parte da historia da nosa comarca. Mulleres que fixeron historia no pasado e fan historia no presente. Historia que non queremos que sexa descoñecida, merece ser visibilizada e valorada.
É por isto que o CDR O VISO está traballando co CEIP e a ANPA Rosalía de Castro en botar a andar esta proposta: elaborar un libro de xeito colectivo no que a comunidade aporte información sobre as mulleres da Limia e despois as rapazas e rapaces do colexio ilustren esas biografías. Confiamos nun resultado ben fermoso cara o 8 de marzo. Se vos apetece colaborar, podedes enviarnos unha mensaxe privada ás redes sociais do CDR, ou un correo a areaeducativa@cdroviso.org
Estas actuacións están enmarcadas no programa "ELAS" financiado pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con carga á asignación tributaria do 0,7% do IRPF