Desmantelamento do cuartel da Garda Civil de Lobios

Desmantelamento do cuartel da Garda Civil de Lobios

Os deputados populares denuncian o progresivo desmantelamento do cuartel da Garda Civil de Lobios, que deixará desprotexida á Baixa Limia 

Os deputados do Partido Popular pola provincia de Ourense no Congreso, Ana Vázquez, Rosa Quintana e Celso Delgado, acompañados pola alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, visitaron hoxe o cuartel da Garda Civil neste concello que, segundo denunciaron, “está sometido a un progresivo desmantelamento que deixará desprotexida a toda a comarca da Baixa Limia e a unha área fronteiriza de enorme importancia, ademais de converter aos veciños en cidadáns de segunda en materia de seguridade”.

240112 Lobios2

Os deputados explicaron en Lobios as iniciativas postas en marcha para frear a desaparición de servizos no cuartel da Garda Civil, que agora pechará as oficinas de atención ao cidadán ás 14.30 horas, “coma se a seguridade tivese horarios”, ademais de clausurar as unidades de Fiscal e Fronteiras e Seprona, “nunha área transfronteiriza e dentro do parque natural do Xurés”.Estas medidas, que tamén afectarán a outros cuarteis no resto de Galicia, foron comunicadas polo Goberno central por escrito en resposta a unha interpelación parlamentaria dos deputados galegos do PP, que agora rexistraron unha petición urxente para que compareza no Congreso o director xeral da Garda Civil, Leonardo Marcos.

As decisións que está a tomar o máximo responsable da Garda Civil “comprometen gravemente a seguridade no rural ourensán e máis en concreto na comarca da Baixa Limia”, afectando ademais aos propios axentes pois a supresión de servizos “provocará o traslado de máis de 10 familias e o baleirado literal do cuartel”.

Os representantes do PP mostran maior perplexidade ante as alternativas que ofrece o director xeral ao peche das oficinas: “Deixan só a atención vía internet, precisamente no rural onde existe unha gran poboación de máis idade, menos habilidades dixitais e maiores problemas de cobertura da rede”.

VECIÑANZA DESAMPARADA

O director da Benemérita e o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, “queren deixar absolutamente desamparados aos veciños de toda unha comarca que, co Goberno de Sánchez, “sofren cada vez máis uns deficientes servizos de seguridade con escasa presenza da Garda Civil”.

Ao ministro de Interior “non lle importa a tranquilidade dos nosos veciños”, afirman, xa que as decisións que está a tomar “son inauditas pois se dá a circunstancia de que Ourense é a provincia galega onde máis creceu a criminalidade convencional o pasado ano, 10,4 %”, tal e como reflicten os datos publicados polo propio ministerio correspondentes ao terceiro trimestre: 5.693 delitos. Un incremento moi significativo nos roubos con forza, que aumentaron un 23,8 %, ou os delitos contra a liberdade sexual que se incrementaron nun 17,3 %.

“A seguridade tamén forma parte do estado do benestar e se queremos defender o rural temos que garantir unha contorna segura aos seus habitantes, que ten os mesmos dereitos que calquera outro cidadán”, concluíron os deputados.

Así mesmo os deputados reclaman a cobertura das prazas que figuran no catálogo da Garda Civil, pois dos 910 axentes previstos só hai 839. Un catálogo “obsoleto” que precisa de actualización “pois leva así 25 anos”.