De libros e editoras.

De libros e editoras.

Estou convencido de que os libros de Antela Editorial van a axudar moito a acadar ese obxectivo e chegar a milleiros de pequenos lectores.

 Convidado polo Concello de Sandiás, asistín este sábado pola mañá a un dos actos previstos para esa magnífica exposición fotográfica do amigo Blas González titulada Cadernos da Limia, paisaxe, identidade e memoria, que tivemos a sorte de desfrutar dende o pasado 18 de novembro na Casa da Cultura.

Pagou a pena a viaxe dende Vigo, para estar a carón dos moitos amigos alí presentes e especialmente de Miguel Anxo Alonso Diz, Alba de Evan e Xabier Domínguez, que se dedican tamén á escrita, a docencia, a cousas varias e, a máis diso, son o corazón de Antela Editorial.

Alí, na Casa da Cultura de Sandiás, rodeados de marabillosos libros da editora, coñecemos os seus proxectos actuais e futuros, a estrutura da súa editorial, a aposta por unha produción local dun libro de calidade, pola recuperación na literatura desa cultura popular que define un pobo como son as súas lendas e tradicións, hoxe en día descoñecidas para os máis novos pola perda dun vencello importante: a transmisión oral. Neste mundo no que vivimos hoxe, cada vez máis dixital, máis cheo de intelixencia artificial (IA), máis rodeados polo internet das cousas (IoT) cómpre salientar a aposta de Antela con títulos como O xigante de Allariz na liña das lendas populares; O país da choiva, para incidir na importancia da transmisión e conservación do idioma; ou O grande aviario  e Ula e Vinca, obras estas que supoñen unha aposta da editora no eido da banda deseñada.

Na conversa posterior entre o público asistente e Miguel Anxo, Alba e Xabier, abordáronse problemas e situacións actuais tanto do uso e transmisión da nosa lingua como da lectura. De volta para Vigo, conducindo baixo dunha poalla continua, vin cavilando no asunto. Xa na casa, remexendo entre papeis varios que gardo de algunha conferencia sobre o tema, atopei unha frase de Esther Tusquets (1936-2012), muller polifacética (profesora de Literatura e Historia, directora da Editorial Lumen, escritora, ensaísta) na que di que “o gusto pola   lectura adquírese case sempre na nenez, e abráiame que pareza tan difícil inculcalo”. A carón deses papeis, nunha entrevista o pedagogo Alessandro Martins insistía en que nunca se debe deixar só nos profesores a responsabilidade de ensinar o gusto pola lectura e que os pais teñen un papel fundamental na formación dos novos lectores.

Estou convencido de que os libros de Antela Editorial van a axudar moito a acadar ese obxectivo e chegar a milleiros de pequenos lectores. Mesmo os adultos debemos lelos, porque como dicía Saramago, hai que deixarse levar polo neno que fomos.

Rafael Laso Lorenzo