"O Goberno central non pon directamente nada do seu peto, xa que eses cartos veñen de Europa"
A comunidade de regantes Nova Limia di que Elvira Lama minte
Non estamos dispostos a que se xogue a quen puxo máis ou puxo menos no regadío, o cal vai marcar un antes e un despois para esta comarca.
A Comunidade de Regantes Nova Limia, a cal representa a gran parte d@s veciños de Xinzo de Limia, Trasmiras e Porqueira, está cansa de ver como cada pouco estean saíndo novas falsas dende o PSdeG-PSOE de Xinzo. E non estamos dispostos a que se xogue a quen puxo máis ou puxo menos no regadío, o cal vai marcar un antes e un despois para esta comarca.
En primeiro lugar, este regadío non sería posible sen a axuda incondicional e absoluta da Consellería do Medio Rural, a cal esta Comunidade lle está e estará profundamente agradecida, e polo tanto á Xunta de Galicia. Partindo que nos construíu 40 pozos de sondeo repartidos nas catro comunidades e instalou as bombas correspondentes, todo iso a custe cero para os propietarios beneficiados.
Pero pese a isto, a señora Elvira Lama sigue a criticar o papel da Xunta. E non só iso, di que o Goberno Central pon neste proxecto 35 millóns. Isto é mentira:
1. O Goberno central non pon directamente nada do seu peto, xa que eses cartos veñen de Europa
2. A achega do Goberno a este proxecto -a través dos fondos europeos- tampouco é de 35 millóns, xa que o 20% dese orzamento teriámolo que pagar os propietarios
3. O máis malo de entender é que o Goberno, ademais de non poñer directamente nada, con este modelo de financiamento reembolsaríase o IVE do proxecto (7 millóns), que temos que pagar os propietarios e que para nós non é deducible
En resumo, os señores do PsdeG-PSOE queren facernos ver que todo o que se está a facer para levar adiante este enorme proxecto é gracias a eles, cando en realidade o Goberno central non aporta nada e ademais reembolsarase o IVE.
Hoxe facemos un chamamento ao candidato á Xunta polo PSOE para que se sente coa Comunidade de regantes e, polo menos, comprometa esa axuda a fondo perdido que pedimos o pasado 19 de xaneiro na firma do convenio, e que o ministro Planas esquivou. Esta axuda do Goberno pódese artellar, como plantexou a Consellería do Medio Rural, asumindo o 80% do IVE do proxecto (5,6 millóns dun total de 7), ademais de aliviarnos dos custes financeiros, que suporían uns 2 millóns máis.
Cumprindo con isto, pensamos que si poderán dicir nos medios que o Goberno central aportou algo. Ata este momento, como non aportaron nada do seu peto, o único que fan é falar mal dunha Consellería que ata o de agora si se involucrou ao 100% coa comarca.
Asdo.- Pte. comunidade de regantes Nova Limia-Saburido Dapousa