As Torres da Limia viaxaron ata Santiago
A exposición "Os nosos castelos" pódese desfrutar nas instalacións do IEGPS
Onte ás 12:30 quedou inaugurada nas instalacións do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) do Antigo Hospital de San Roque a exposición “Os nosos castelos: A Limia, terra de torres”. Promovida polo IEGPS coa colaboración do Concello de Xinzo de Limia.
Está comisariada por Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, Profesor Ad Honorem do CSIC e director honorario do IEGPS e coordinada por João Paulo Martins Ferreira, Investigador Talento Senior do IEGPS. Nesta edición, xunto ao equipo de traballo das edicións anteriores, incorporouse a Fernando Dopico Blanco, colaborador externo do IEGPS.
A mostra conta, ademais, co patrocinio da Axencia Turismo de Galicia. A exposición está formada por 12 paneis que tratan a historia medieval da Limia, a súa pegada na arquitectura señorial e as liñaxes dominantes na terra dá Limia durante os séculos XIV-XVI. A eles engádese unha composición audiovisual sobre as torres da Porqueira, Sandiás e Portela e, como xa se fixo en anteriores edicións, unha publicación web onde os usuarios poderán visualizar os paneis divulgativos da exposición, coñecer as principais biografías de personaxes históricos relacionados coas torres nos séculos finais da Idade Media, consultar galerías de fotografías, ou visualizar os debuxos galardoados no concurso “Debuxando vos nosos castelos” no que participaron diferentes colexios de Xinzo de Limia durante o mes de novembro de 2023.