A Deputación destina preto de 1 millón de euros á cooperación cos concellos

Xunta goberno Deputación 14.02.24
A Deputación destina preto de 1 millón de euros á cooperación cos concellos

Bande, Rairiz de Veiga e Sarreaus, recibirán axudas para varios proxectos

 A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta mañá destinar preto de 1 millón de euros (947.575 €) en axudas para cooperar cos concellos da provincia. Nesta liña, aprobouse unha axuda de 17.900 euros para o Concello de Bande para a aportación que ten que realizar o municipio en actuacións subvencionadas pola Xunta de Galicia

Tamén se aprobaron axudas para os concellos de: Rairiz de Veiga para a mellora do viario de Candás a Fontefría (48.000 euros); Sarreaus para o acondicionamento de camiños (48.000 euros e outra por importe de 26.000 euros para axudar cos gastos de funcionamento da Fundación Carlos Casares correspondentes a este ano.

Convocado o premio Otero Pedrayo 2024 

En materia de cultura, aprobáronse as bases da convocatoria do premio Otero Pedrayo 2024 que ten por obxecto “perpetuar e honrar a memoria da persoa egrexia das letras e do coñecemento, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións”, segundo sinalan ditas bases. 

Poderán optar a este premio: as persoas naturais nacidas ou residentes en Galicia ou con cumprida raizame nela, grupos de traballo radicados en Galicia ou constituídos para promover a cultura galega, e personalidades ou institucións que se teñan caracterizado pola difusión e mantemento da cultura galega. 

A presentación a este certame deberá realizarse no prazo de tres meses a partir do día seguinte ao da publicación da súa convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.