Vida normal- Rafael Laso

Vida normal- Rafael Laso

....bailes celebrados durante las tres noches, en los salones del “Café Club” y del “Casino Antelano”.

Pasaron os días de entroido, a queima do meco e a piñata. Cumprido o ciclo do entroido máis longo de Europa (seica o máis longo do mundo celébrase no Uruguai durante, aproximadamente, corenta días) chegou o tempo de retornar á vida normal. Por primeira vez en moitos anos, puiden desfrutar dos tres días enteiros do entroido na miña vila. Dediquei a fin de semana á tarefa de gardar os traxes, agás a pantalla do meu fillo e a miña propia, que están sempre penduradas no cuarto onde escribo, acompañándome decote na espera da seguinte xeira o vindeiro ano.

Volve a vida normal, coas súas angueiras cotiáns, mal tempo incluído, cousa esta, por outra parte, como ten que ser nestas datas. Non deixamos de estar no inverno, por moito sol e moitos vinte graos de temperatura que tivésemos o martes de entroido. Retornan as noticias que, en realidade, seguían aí, pois nunca nos deixaron, mais eu neses días de troula pouco caso lle fixen, mais ben ningún. Seguen os desastres das guerras en Gaza e Ucraína. En Rusia, segundo sospeitan todos os medios de comunicación, morreu dun xeito nada claro Navalni, o máis firme opositor a ese Vladimiro que segue a pensar que Rusia é o seu xardín particular, facendo e desfacendo nel a vontade sen que ninguén lle tusa. Remataron tamén as eleccións autonómicas, coa súa campaña electoral, a súa xornada de reflexión e o seu día de votacións. Como en todas as competicións, uns gañaron e outros perderon e cadaquén falou da feira segundo lle foi. Para seguir con todas estas circunstancias que nos rodean, estes días escoitamos por todas partes a desfeita causada polo lume no incendio dese edificio de Valencia que ocasionou un elevado número de vítimas mortais. En fin, rodeados de noticias, volvemos paseniño á normalidade e cadaquén a cadanseu costume. Eu, por exemplo, aproveito para mergullarme entre as páxinas de vellos xornais, na procura de noticias da miña vila. Non sempre as miñas pescudas teñen premio, pero desta volta tiven sorte e, no número 961 do xornal El pueblo gallego datado no 4 de marzo do ano 1927, atopei unha noticia sobre o entroido daquel ano en Xinzo. Transcríboa textualmente:

“Han transcurrido tranquilamente los días de carnaval en esta villa, y aunque prometían alguna animación, resultaron bastante deslucidos por el día, debido al mal tiempo, teniendo en cambio gran compensación los bailes celebrados durante las tres noches, en los salones del “Café Club” y del “Casino Antelano”.

Tamén se nos conta que ese entroido rematou cun dramático suceso:

“En la tarde del último día de carnaval, la camioneta conducida por su dueño, Luis Ruiz Alonso, en la cual iba la comparsa de “Pierrots”, al hacer un viraje atropelló al niño de nueve años José Álvarez Gómez, vecino de esta villa, produciéndole una gran herida en el muslo de la pierna derecha con desgarramiento de los tejidos blandos.

Inmediatamente fue recogido el herido y conducido a casa del médico de esta beneficiencia municipal, señor García Núñez, quien procedió a la práctica de la primera cura, en la que hubo de emplear catorce puntos de sutura, siendo al parecer su estado no de gravedad.”

Quero imaxinar que todos os implicados aproveitaron aqueles días para pasalo ben, mesmo o rapaz antes do suceso Supoño que a todos eles se lles amargou o final do entroido, mais case estou seguro de que nunca se lle pasou pola cabeza o feito de que, case cen anos despois, alguén estivese a ler nun vello xornal a crónica do acontecido.


Rafael Laso Lorenzo