A pista da Armada primeiro dos compromisos do goberno local, en marcha.

A pista da Armada primeiro dos compromisos do goberno local, en marcha.

 A Xunta e a Deputación de Ourense destinarán 320.000 € para o arranxo integral

 Esta mañá o alcalde Amador Díaz, acompañado polo concelleiro de obras e os tenentes de alcalde asi como da maioría dos concelleiros do PSOE acompañaron ao conselleiro de Medio Rural José González e ao presidente da Deputación Luis Menor na visita que fixeron para presentar as obras que segundo manifestou o propio conselleiro comezarán a semana que ven.




Declaracións do alcalde, conselleiro e presidente Deputación

Vía fundamental para dar saída á produción agroalimentaria da bisbarra

A actuación conxunta das tres administracións implicadas permitirá levar a cabo o ensanche, a pavimentación e a instalación dunha nova rede de sumidoiros, así como a sinalización horizontal e vertical, cun investimento de 320.000 euros, achegados por Medio Rural (220.000) e a Deputación (100.000)


Luis Menor, na súa intervención lembrou que trala súa toma de posesión como presidente provincial, unha das súas primeiras visitas foi ao municipio de Xinzo de Limia onde se comprometeu a colaborar na mellora desta importante vía. Dito compromiso xa se materializou na primeira modificación de crédito aprobada no pasado mes de outubro cunha achega de 100.000 euros. “Demos solución en tempo récord a unha das demandas máis urxentes e necesarias que se nos trasladaron por parte do goberno municipal limiao”, recoñeceu o presidente provincial.

Con esta nova actuación demostramos unha vez máis que tanto a Deputación como a Xunta de Galicia “estamos comprometidos con facer desta comarca un referente do sector agrícola galego”, sinalou Luis Menor. Resaltou, así mesmo, que o Concello de Xinzo recibirá neste ano da Deputación de Ourense máis de 348.000 euros ao abeiro do Plan CooperOU.


O conselleiro e o presiodente foron recibidos no concello 

Agradecemento do alcalde

Pola súa parte, o alcalde de Xinzo agradeceu “enormemente” a implicación da Xunta e da Deputación pola súa achega económica para arranxar esta pista. As obras comezarán a vindeira semana e tratarase de que rematen á maior brevidade posible dado o estado actual da vía, para facilitar así o tránsito dos vehículos agrícolas e pesados, tal e como anunciou o conselleiro do Medio Rural en funcións.


 Estas obras de mellora permitirán rexenerar e ampliar o firme nun tramo de algo máis dun quilómetro deste camiño, mediante unha serie de actuacións, como o ensanche, a pavimentación e a instalación dunha nova rede de sumidoiros, así como de sinalización horizontal e vertical.