Estafa do fillo en apuros

Estafa do fillo en apuros

A Garda Civil informa de que se está a detectar un aumento do número de tentativas da estafa denominada do “fillo en apuros”.

A mellor maneira de evitar seres vítima dunha estafa é coñecer como se leva a cabo para poder identificala no caso de que o tenten contigo.

Neste caso, a vítima recibe unha mensaxe por SMS ou máis frecuentemente Whatsapp, procedente dun número descoñecido na que unha persoa faise pasar polo seu fillo (podería ser outro familiar) e solicita axuda ante unha situación grave. Normalmente di que se perdeu ou avariou o seu móbil. Se se lle fai caso, acabará pedindo unha transferencia de diñeiro de maneira urxente.

Os ciberdelincuentes proban con moitos números de teléfono, e soen atopar a alguén que cae na estafa. Se recibes algunha mensaxe deste tipo e tes dúbidas, para evitar o perigo podes seguir estes pasos:


1.-Chama ao teléfono habitual do teu fillo (ou o parente que diga ser) para comprobar se realmente hai algún problema co seu teléfono. Se está apagado ou non responde proba co paso seguinte.

2.- Realiza unha videochamada ao teléfono do que recibiches a mensaxe para comprobar que quen solicita o diñeiro é quen di ser. Deixa claro que sen videochamada non haberá máis comunicación (nin cartos).

3.- Se non é posible comprobar a identidade mediante os pasos anteriores, podes solicitar axuda e describir o teu caso: o persoal do Incibe darache consello.

En calquera caso:

Nunca envíes eses cartos sen ter seguridade completa sobre a identidade de quen cho pide: é moito máis probable que esteas a falar cunha banda de malfeitores que co teu familiar.

Pon sempre o caso en coñecemento das autoridades: servirá de axuda para investigar e previr novas estafas.

Lembra que podes atopar máis información e consellos sobre ciberseguridade e protección de datos no portal ciberseguridadegalicia.gal

Por correo electrónico: uac@edu.xunta.gal por teléfono: 881 99 77 01