Loita contra a avespa velutina

Loita contra a avespa velutina

 A Xunta destaca as novas medidas implementadas este ano para frear a expansión da avespa velutina dun xeito planificado e coordinado en todaGalicia

 O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, visitou  o concello coruñés de Porto do Son , onde se está a levar a cabo a instalación de trampas para combater a presenza da avespa velutina. Estes labores enmárcanse dentro das novas medidas executadas este ano pola Xunta de Galicia para facer fronte a esta especie invasora. O Goberno autonómico leva realizado un inxente traballo para combater a avespa velutina, apoiándose no programa autonómico acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) -ao que este ano están adheridos os 313 concellos galegos-. “Só no ano 2023 rexistráronse 56.600 avisos e retiramos, a través de Seaga, máis de 29.500 niños”, lembrou o titular do Medio Rural en funcións. Con todo, ante a evolución da presenza deste insecto en Galicia, José González destacou o compromiso da Xunta para “seguir avanzando” en coordinación cos concellos, axentes do territorio ou os investigadores. 

240402 velutina Porto SonII


Así, salientou que estas novas iniciativas activadas este ano para frear a expansión da velutina na nosa comunidade contan con catro eixos de actuación -retirada de niños primarios, trampeo selectivo, formación e investigación-, que se desenvolverán ao longo de todo o ano nas catro provincias galegas. 

Sobre o trampeo, “selectivo, planificado e coordinado”, o titular do Medio Rural en funcións explicou que a súa instalación comezou en concellos das provincias de Coruña e Pontevedra para avanzar a continuación, xa esta mesma semana, por Lugo e Ourense. 

Este labor é xeolocalizado e na súa instalación tense en conta a análise dos datos do 2023, para potenciar a súa efectividade, e está sendo desenvolvido apoiado nun operativo de trampeo coordinado no que participará persoal de Seaga ou traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios da Xunta.

O conselleiro cualificou os traballos fronte a expansión da velutina como “unha loita conxunta, na que cremos que temos que estar todos” e apostou polo trampeo e polo seguimento da captura de raíñas como “un paso necesario” para afondar no control desta especie invasora. Engadiu que neste proceso “estamos seguindo estritamente os criterios técnicos e as recomendacións que nos están dando, dende un punto de vista científico” e que “as trampas son as mellores dispoñibles no mercado” para estas tarefas. Os dispositivos, remarcou, colocaranse “naqueles puntos xeolocalizados que máis nos interese” para facer fronte, de xeito efectivo, a este problema. 

A medida atende unha das principais demandas do sector apícola e permite facer un seguimento e estudar a evolución da presenza da velutina debido ao rexistro dos datos na aplicación informática Contravelutina. A información recollida será avaliada de xeito continuado por un grupo de técnicos especializados. Grazas aos resultados obtidos poderán tomarse medidas correctoras que melloren a eficacia deste sistema, explicou esta mañá en Porto do Son o conselleiro en funcións. 

O trampeo céntrase agora na captura de raíñas que ao comezo da primavera saen na procura de alimento a construír os primeiros niños. José González adiantou que o traballo que se realizará nos meses de outono e inverno terá por obxectivo a captura de machos e de novas raíñas que emerxen dos niños secundarios durante a etapa de declive do mesmo. Tamén se realizará un trampeo selectivo nas abellarizas en canto aparezan os primeiros abáboros. 

Aposta pola formación e a investigación científica

Atopan un niño de avespa velutina en O Toxal

Por outra parte, neste 2024 adiantouse a retirada dos niños primarios de pequeno tamaño, ademais de incidirse na formación, información e divulgación entre todos os efectivos que traballan na loita contra esta especie, os profesionais afectados e o conxunto da cidadanía, activando ademais unha campaña de divulgación. 

Ademais, dentro da nova batería de medidas está o impulso á investigación científica para coñecer en maior profundidade o comportamento da velutina e frear con máis eficacia a súa propagación. 

Renovación da encomenda a Seaga para a retirada de niños en toda Galicia

O Goberno autonómico renovou por quinto ano consecutivo a encomenda á empresa pública Seaga para a execución do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina acordado no 2020 entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e que como novidade, este ano conta coa adhesión por vez primeira da totalidade dos 313 concellos galegos.