O sector AGROALIMENTARIO e a IA.

O sector AGROALIMENTARIO e a IA.

 A Xunta avanza no desenvolvemento do proxecto europeo agrifoodtef para incorporar intelixencia artificial e tecnoloxía robótica ao sector agroalimentario

 A Xunta avanza no desenvolvemento do proxecto europeo “AgriFoodTEF”, unha iniciativa comunitaria que aposta por incorporar intelixencia artificial e tecnoloxía robótica ao sector agroalimentario, e na que o Goberno autonómico participa a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural.

 O proxecto, que ten o seu núcleo en Galicia no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) -pertencente á Axencia-, conta cunha dotación para a propia Axencia Galega da Calidade Alimentaria de preto de 890.000 euros -cofinanciado entre a Unión Europea e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación-.

 En conxunto, “AgriFoodTEF” mobilizará un total de 60 millóns de euros entre nove países membros -España, Alemania, Austria, Bélxica, Francia, Holanda, Italia, Suecia e Polonia- e conta cunha trintena de entidades participantes. En Galicia, tamén participa a empresa de tecnoloxía Gradiant xunto a colaboración activa do centro galego de innovación dixital DIH DataLife.

 A iniciativa ten como obxectivo principal acelerar a transformación dixital e favorecer a competitividade das pequenas e medianas empresas que conforman este sector.

 Apoio a diferentes etapas da produción láctea

Para afianzar a coordinación dos diferentes actores implicados, representantes da Axencia Galega da Calidade Alimentaria veñen de manter un encontro con parte dos integrantes do proxecto. A xuntanza, celebrada no CIAM, reuniu a un equipo de traballo integrado por 18 persoas das entidades galegas participantes, que mantiveron este encontro para organizar e coordinar o traballo a desenvolver ata finais do ano 2027 -cando rematará o proxecto- e repasar o listado de infraestruturas dispoñibles ou susceptibles de poñer en marcha durante a vixencia do proxecto para ser usadas en servizos prestados ás entidades que o soliciten.

 Así, entre os servizos comúns a prestar polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, en coordinación con Gradiant, atópanse, por exemplo, os relacionados con bancos de datos e redes 5G en relación a diferentes etapas da produción láctea, especialmente no relativo á alimentación de precisión e á mitigación dos gases de efecto invernadoiro.

 Na reunión tamén se analizaron os aspectos da análise DAFO, os stakeholders e os relativos a comunicación e difusión, rematando cunha visita ás instalacións do CIAM onde se desenvolverán o groso das validacións e avaliacións de solucións de IA e robótica aplicables a este sector produtivo.

 Segundo encontro de coordinación

Posteriormente á reunión da parte galega de “AgriFoodTEF”, o subdirector xeral de Formación, Innovación e Investigación Agraria da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Manuel López Luaces, e o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Abelardo Nimo, participaron nun encontro de coordinación co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, xunto con representantes das outras institucións españolas que participan neste proxecto europeo.

 Durante a reunión coa directora xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria do MAPA, Isabel Bombal, e a subdirectora xeral de Innovación e Dixitalización, Maite Ambrós, abordáronse cuestións vencelladas co orzamento da iniciativa e  aspectos relativos, á coordinación, xestión e interlocución para favorecer o desenvolvemento do proxecto.

 O proxecto “AgriFoodTEF”

O proxecto “AgriFoodTEF” arrancou no ano 2023, logo de que a Comisión Europea fixera unha convocatoria para apoiar unha única rede paneuropea de espazos controlados de probas de intelixencia artificial para o sector agroalimentario e dende este ano conta coa participación galega a través do nodo español. Cabe sinalar que os proxectos tipo TEF están enmarcados no Programa de Traballo 2021-2022 do Programa Europa Dixital (DEP). En España -ademais de Galicia-, tamén participan as comunidades autónomas de Andalucía e Cataluña.