O XVII Festival Pórtico do Paraíso será no castelo de Castro Caldelas

O XVII Festival Pórtico do Paraíso será no castelo de Castro Caldelas

 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, enxalzou a aposta do evento pola música clásica, definíndoo como un “festival diferencial”

 O XVII Festival Pórtico do Paraíso, patrocinado pola Deputación de Ourense, ofrecerá do 3 ao 12 de maio cinco concertos de músicos procedentes de Polonia, Serbia, Francia, España e Galicia. Nesta edición estréase como escenario o castelo de Castro Caldelas, que se suma ao mosteiro de Santa María de Oseira e á capela de Santo Ángel, o Teatro Principal e o Liceo en Ourense.

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández puxo en valor este certame, afirmando que é “un evento moi consolidado na axenda cultural da provincia”. Destacou que este festival “une dous elementos dos máis importantes que temos na provincia, a música e o patrimonio, combinación que dá como resultado unha calidade extraordinaria e moi atractiva para o público”.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, afirma que este é un “festival diferencial”, pois descentraliza a programación e pon en valor o noso patrimonio natural e arquitectónico”. 

Juan Enrique Miguéns agradeceu o patrocinio da Deputación de Ourense e a colaboración da Agadic. Asegurou que esta edición “é moi fiel ao noso estilo, á nosa maneira de facer as cousas, de levar música de distintas épocas e estilos, dende a música medieval ata a de autores vivos, aos espazos da cidade e da provincia”.

Programación

O festival principia o día 3 de maio no Liceo de Ourense cun concerto do cuarteto vocal Cantoría, procedente de Barcelona. O día 5, no castelo de castro Caldelas, o concerto correrá a cargo da polaca e Paulina Ceremuzyunska e o galego Manuel Vilas. No Teatro Principal, o día 7, porase en escena unha moderna proposta titulada Música e memes. Xa o día 10, na capela do Santo Ángel, Milos Milivojevic ofrecerá un concerto de acordeón e, finalmente, o grupo francés Diabolus in música actuará o día 12 no mosteiro de Oseira.

Aos concertos súmaselle, como se ven facendo dende hai anos, a visita o día anterior ao inicio do evento, de varios músicos ao conservatorio, onde terán un encontro informal co estudantado.


Toda a información deste certame, así como da súa programación e da venda de entradas, está dispoñible na páxina web www.porticodoparaiso.com.