Axudas da Xunta para concellos reserva da Biosfera

Axudas da Xunta para concellos reserva da Biosfera

 A XUNTA CONVOCA AXUDAS POR 1,8 m€ PARA APOIAR AOS CONCELLOS NA EXECUCIÓN DE ACTUACIÓNS, ESTUDOS E INICIATIVAS NAS 7 RESERVAS DE BIOSFERA DE GALICIA

A reserva da Biosfera Allariz e Gerês-Xurés poderán acceder a unha subvención de ata 30.000 € .

A Xunta convoca unha nova orde de axudas cun orzamento global de 1,8 millóns de euros dirixida a financiar actuacións, estudos e investimentos por parte de concellos localizados nalgunha das sete reservas da biosfera existentes en Galicia e que teñan como obxectivo común avanzar na conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural destes espazos.

Segundo explicou, as actuacións subvencionables agrúpanse en catro grandes liñas de actuación: conservación, restauración e mellora da biodiversidade, especialmente dos hábitats, especies ou ecosistemas naturais, así como aquelas que teñan un impacto favorable na mitigación ou adaptación ao cambio climático; mellora da conectividade ecolóxica de especies de flora e fauna; recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos ou precisos para o mantemento da paisaxe agraria, cultural ou etnográfica tradicional; e creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos.

A modo de exemplo e tomando como referencia convocatorias anteriores, Belén do Campo explicou que estas axudas permitirán financiar iniciativas tan diversas como a instalación de observatorios para aves, accións de recuperación de vexetación de ribeira nos ríos ou de eliminación de especies invasoras, accións de concienciación, mellora de sendas e áreas de descanso ou colocación de sinalización.


A axuda cubrirá o 100% do custo subvencionable, cun límite máximo de 30.000 euros por proxecto. O prazo para a presentación de solicitudes, que se fará por vía telemática, abrirase a partir de mañá e pecharase o vindeiro 6 de maio. En todo caso, só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por entidade local.

Neste sentido, cómpre lembrar que tres dos sete espazos que contan na Comunidade con este recoñecemento internacional están, total ou parcialmente, en Ourense, provincia na que serán potenciais beneficiarios das axudas convocadas hoxe 15 concellos: Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños —localizados na Reserva de Biosfera do Gêres-Xurés—; A Bola, Allariz, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos —pertencentes á da Área de Allariz—; e Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira —situadas na de Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel—.