Un milleiro de piñeiros para o Xurés

Un milleiro de piñeiros para o Xurés

Foron plantados no lugar denominado Chan da Vella de Abaixo, no concello de Lobios.

A cooperación entre o Parque Nacional Peneda-Gerês portugués e o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés vén desenvolvéndose ao longo das dúas últimas décadas, pero que se viu reforzada coas Xornadas Técnicas Transfronteirizas, onde os técnicos e traballadores destes espazos naturais teñen un espazo onde poden debater e experiencias, de información e de documentación e que posibiliten a colaboración en proxectos conxuntos destes dous espazos protexidos.

240403 DO CAMPO VISITA XURES 1

Precisamente no marco da colaboración entre ambos territorios, persoal do parque natural galego e do parque nacional portugués xunto con membros da comunidade de montes Serra do Xurés e das autoridades presentes por parte do Concello de Lobios, da Xunta e do Goberno luso —encabezadas pola directora rexional da Conservação da Natureza e Florestas do Norte en Portugal, Sandra Sarmento— procederon hoxe a plantar un milleiro de piñeiros silvestres (Pinus Sylvestris) no lugar coñecido como Chan da Vella de Abaixo, no concello de Lobios.

Todos os exemplares proceden dos rodais do Parque Nacional Peneda-Gerês e destacan pola súa plasticidade e polo proceso de adaptación que sufriron ao longo do tempo, o que as converte en poboacións que poden ser cruciais para garantir a supervivencia da especie fronte ás alteracións climáticas.

Neste sentido, o lugar escollido para localizar as árbores cedidas por Portugal non presenta contaminación xenética pola presenza doutros piñeiros procedentes de repoboacións forestais, o que a priori debería favorecer o seu éxito reprodutor.