O PSOE de Lobios denuncia as deficiencias do "paseo inclusivo"

O PSOE de Lobios denuncia as deficiencias do "paseo inclusivo"

 Patrick Rodríguez pregúntase “como poden falar de paseo inclusivo cando unha corga cruza o sendeiro e en lugar de facer unha pequena ponte para facilitar o paso a través da mesma, colocaron unhas pedras para que as persoas pasen por riba delas”

O PSdeG-PSOE de Lobios denuncia numerosas eivas, deficiencias e carencias no paseo inclusivo de Lobios promovido pola Consellería de Medio Ambiente en Río Caldo con fondos europeos e o beneplácito do Concello. Os e as socialistas critican que a obra, tras varios meses de demora, atópase “incompleta” e presenta varias deficiencias “graves” que impiden que este sexa un paseo inclusivo para que as persoas con diversidade funcional poidan circular polo mesmo.

A obra, que contou cun orzamento de 105.000 euros para a execución deste paseo de 1250 metros de distancia, atópase, tal e como sinalan dende o grupo municipal socialista “inacabada”, a pesar das declaracións da alcaldesa, que afirmaba fai escasos días que “só falta por completar o acondicionamento do aparcadoiro e a sinalización”. Os e as socialistas puideron comprobar de primeira man que “a pesar dos anuncios grandilocuentes da señora María del Carmen Yáñez, a día de hoxe non temos un paseo inclusivo tal e como nos venderon”.

“Vendéusenos que este sería un paseo totalmente inclusivo para as persoas con problemas de accesibilidade, pero calquera pode comprobar de primeira man, que isto non é así”, apuntan dende o PSOE de Lobios. O concelleiro socialista, Patrick Rodríguez, pregúntase “como poden falar de paseo inclusivo cando unha corga cruza o sendeiro e en lugar de facer unha pequena ponte para facilitar o paso a través da mesma, colocaron unhas pedras para que as persoas pasen por riba delas”. Neste senso, sinala que a situación “é surrealista é un exemplo máis das chapuzas do Partido Popular en Lobios”.

Sendeiro Lobios  2

Rodríguez tamén fai fincapé en que o sendeiro “atópase incompleto, tal e como calquera persoa pode comprobar se se achega ata a zona, xa que unha parte quedou sen acondicionar”. O secretario de organización do PSdeG-PSOE en Lobios tamén considera que o uso de formigón “é de xulgado de garda”, xa que tal e como apunta “atopámonos nun parque natural e reserva da biosfera tranfronteiriza, no que se emprega un material totalmente fóra de lugar e que non se integra no medio ambiente, nin na contorna”. Unha situación que se agrava “pola presencia a carón do xacemento arqueolóxico Aquis Ogeresibus”.

“Esta obra é unha auténtica chapuza, xa que no seu día vendérono como un sendeiro circular, pero quedou incompleto, xa que queda un quilómetro e medio sen ningún tipo de actuación para consideralo rematado e circular”, apuntan dende o PSdeG-PSOE de Lobios. Os e as socialistas consideran “inadmisible” que se venda como inclusivo “un paseo que non respecta as persoas con diversidade funcional ou con problemas de mobilidade”. Neste senso, Patrick Rodríguez pregúntase “como van a facer para circular polo paseo estas persoas, cando teñan que cruzar a corga, mollarán os pés ou pasarán por riba das pedras?”.

Sendeiro Lobios

Dende o grupo municipal socialista de Lobios explican que nos últimos días solicitaron por escrito unha copia do proxecto para poder facer unha análise completa do mesmo e ver se o realizado concorda co previsto. Tal e como apuntan “atopámonos con que a resposta da alcaldía foi que non tiñan copia, nin en papel, nin en dixital, xustificando que ao ser un proxecto da Xunta, e non exclusivamente local, non había documentación ao respecto”.

Por último, os e as socialistas de Lobios esíxenlle aos responsables da obra que “procedan a solucionar con urxencia as eivas e deficiencias do paseo para que sexa 100 % inclusivo” e pídenlle a alcaldesa do Partido Popular, María del Carmen Yáñez que “se mova por Lobios e a veciñanza para esixirlle á consellería de Medio Ambiente que arranxe os problemas, en lugar de calar e vender a bombo e platillo un proxecto que presenta grandes eivas e no que os cartos se destinaron a realización dunha chapuza de dimensións incalculables”.