21 de abril na Baixa Limia
Nova edición da “Ourense Strade Termal”
A VII edición da “Ourense Strade Termal”
reunirá a preto de 400 deportistas de 19 provincias diferentes
A VII edición da “Ourense Strade Termal” celebrarase o vindeiro domingo, 21 de abril, co apoio da Deputación de Ourense a través do Inorde e da Axencia de Turismo de Galicia, reunindo a preto de 400 deportistas de 19 provincias diferentes para gozar do “sterrato” nesta proba única na provincia de Ourense.
A presentación
deste evento deportivo tivo lugar hoxe no complexo turístico de O Corgo en
Muíños, nun dos enclaves polos que transcorre a proba. No acto participou o
deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo
Fernández; o deputado de Deportes, César Fernández; o xefe do servizo
provincial de Turismo da Xunta, Cecilio Santalices; os alcaldes de Muíños e
Lobios, Plácido Álvarez e Mª Carmen Yáñez, respectivamente; o vereador da
Cámara Municipal de Montalegre, Jorge Fidalgo; a xerente do Inorde, Emma
González; o director técnico da proba, Serafín Martínez; e os Gardas Civís de
Tráfico de Ourense, Damián Novoa e Manuel Rodríguez, que se encargarán da
seguridade viaria durante a proba xunto aos GES de Muíños e Lobios.
O presidente do
Inorde destacou a “gran acollida” que ten cada ano esta proba e puxo en valor o
carácter “dinamizador” deste tipo de eventos afirmando que “a oferta de
aloxamento do Xurés está ao 100% de ocupación e, ademais, xéranse pernotacións
noutros puntos próximos da provincia”. A “Ourense Strade Termal” logra en cada
edición “atraer a máis participantes de fóra de Galicia, principalmente de
Madrid, País Vasco, Cantabria, Asturias e do norte de Portugal”, salientou
Rosendo Fernández.
Esta nova
edición da “Ourense Strade Termal” levará aos cicloturistas apaixonados do
“sterrato” a descubrir fermosas paraxes da Baixa Limia, pertencentes aos
concellos de Lobios e Muíños. Ademais, a “Ourense Strade Termal” conserva o seu
carácter internacional e levará aos participantes novamente ata a Cámara
Municipal de Montalegre.
A competición,
que está dentro do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo,
ofrece aos deportistas dous percorridos: o gran fondo de 110 quilómetros e cun
desnivel de 1.800 metros, e un mini fondo de 80 quilómetros con 1.200
metros de desnivel acumulado, dúas distancias con tramos de terra compactada. A
saída, será ás 9.30 horas no Balneario Lobios Caldaria situado en Riocaldo
(Lobios), onde tamén será o punto de chegada.