1ª Edición das Tapiñas do Concello de Xinzo de Limia

Directiva da Asociación de hostaleiros da Limia
1ª Edición das Tapiñas do Concello de Xinzo de Limia

Todos os xoves do 25 de abril ao 23 de maio

 Hoxe 16 de abril do 2024 constitúese definitivamente a Asociación de Hostaleiros da Limia (AHL) formada na súa creación por un total de 18 membros, todos establecementos do mundo da restauración, tanto da capital da Limia, Xinzo, como de pobos do arredor, como Lamas ou Ganade. 

Con esta nova queda reflectida a intención deste sector de organizarse e traballar a prol da mellora da restauración e a hostalaría tanto para eles mesmos, como propietarios e rexedores dos establecementos, como para o cliente. 

2

O proceso, lento e medido, comezou en época COVID, onde se instauraron as bases de convivencia e puntos comúns entre un gran número de hostaleiros, non vendo a luz a Asociación ata esta primavera, en abril do 2024, co fin de levar adiante a 1ª Edición das Tapiñas do Concello de Xinzo de Limia, logo de ver a grande afluencia e éxito que tivo o “Concurso de Patapas” promovido polo Concello de Xinzo de Limia a finais do ano 2023. 

            Esta será a primeira acción acometida pola Asociación como institución onde 13 dos seus 18 membros participarán nesta primeira edición, que se celebrará dende o 25 de abril ata o 23 de maio, ambos incluídos, todos os xoves de 19:00 ata 22:30 h (ou ata finais de existencias). O custe da tapiña será de 2 € por unidade e poderanse atopar tapas de moi variados estilos e produtos co fin de que cada hostaleiros teña renda solta á súa imaxinación. 

Sorteo de dúas entradas para o SON DO CAMIÑO 

Co fin de fomentar ademais a participación da clientela na 1ª Edición das Tapiñas a AHL sorteará entre todos os clientes que logren encher todo o cartón co cuño dos 13 establecementos  participantes unhas entradas para “O Son do Camiño” deste ano, que se celebrará os días 30, 31 de maio e 1 de xuño. 

Os cartóns serán recollidos nos propios establecementos participantes, onde tamén poderán ser entregados unha vez cumprimentados. 

            Dende a AHL queremos mostrar un claro compromiso co tecido veciñal do noso concello, sendo esta primeira edición unha de moitas edicións máis, a parte de outras moitas actividades que aínda están por matizar e producir. Se cadra, o máis importante é suliñar a vontade de unión entre os diferentes hostaleiros co fin de converter a nosa hostalaría nun sector dinámico, innovador e comprometido tanto cos nosos veciños e veciñas como co turismo do concello.