A falta de pediatras en Xinzo chegará ao Parlamento Galego
O grupo municipal do BNG mantivo, na súa sede de Xinzo de Limia, unha reunión coa deputada parlamentaria Sonia Vidal, para abordar as cuestións máis urxentes e importantes polas que se ve afectado o concello.
Moi en especial, como avanza o voceiro municipal, Camilo Vila, “estivemos xa traballando en diferentes vías de acción para levar ao Parlamento de Galicia o asunto da falta de pediatras no Centro de Saúde de Xinzo”, onde o BNG esixirá respostas e solucións reais a un dos máis graves problemas da comarca da Limia na actualidade. As citadas vías consistirían “por unha banda, na pregunta parlamentaria e por outra, nunha proposición non de lei”, engade o vicevoceiro, Manuel Pozo.
Pola súa urxencia e
relevancia, e ante a falta de implicación do Grupo de Goberno de Xinzo e o
desprezo, tanto ás familias coma ao problema, da posible futura deputada,
Cristina Campero, nas súas declaracións aos medios locais no mes de febreiro;
esta cuestión será ademais trasladada ás Comisións pertinentes.
“O Grupo de Goberno negou
a urxencia de atoparlle solucións a este problema cando xurdiu e, máis de medio
ano despois, a situación segue sendo exactamente a mesma.”, apunta Vila.