A Deputación co PP ao fronte da as costas aos profesionais do sector agropecuario da provincia de Ourense

A Deputación co PP ao fronte da as costas aos profesionais do sector agropecuario da provincia de Ourense

 O grupo popular vota contra unha iniciativa socialista para incrementar as axudas aos gandeiros ourensáns afectados polos baleirados sanitarios por tuberculose bovina, segundo informa o PSdG-PSOE

 O grupo popular na Deputación de Ourense emitiu un voto contrario á iniciativa socialista para apoiar aos gandeiros ourensáns e incrementar os complementos ás axudas dirixidas aos afectados polos baleirados sanitarios provocados por positivos en tuberculose bovina. “As achegas actuais son insuficientes e non permiten aos profesionais do sector sobrepoñerse con garantías á perda total do seu medio de subsistencia, que é o realmente significa a obriga de adoptar unha medida tan extrema”, explicou na sesión plenaria Emilio Díaz, deputado socialista e veterinario de profesión. “Sen unha indemnización consecuente, esvaécense o traballo e aforros de toda unha vida investida nunha explotación de vacún de carne”, sentenciou Díaz. 

En Galicia, onde a prevalencia é de 0, o máis mínimo positivo implica o baleirado sanitario dunha explotación enteira. Díaz puxo como exemplo o recente caso dunha granxa de vacas en Palleirós, no concello de Manzaneda, que o pasado marzo tivo que sacrificar todas as súas reses tras detectarse uns poucos casos illados de tuberculose. Sen tomar en consideración o impacto do lucro cesante, as perdas para o gandeiro ourensán ascenderon a 32.000 euros. “O monto das axudas non é suficiente para empezar de novo. Non alcanza para a reposición dos animais sacrificados, que están en idade de produción madura, aos prezos de mercado e tampouco consideran as cantidades que os gandeiros deixan de percibir polo dano inflixido”, explicou o deputado socialista. 

Pleno Deputación abril

Amais de votar contra indemnizacións acaídas co impacto real dos baleirados sanitarios, o PP tamén se amosou contrario á posta en marcha de mecanismos de diagnose do gando en vida. Segundo Díaz, “o obxectivo é sacrificar ás cabezas contaxiadas, respectando a vida das sas e, de paso, minimizar o impacto económico sobre as explotacións”. A proba de intradermorreaccion preséntase coma un método “case que artesanal” e “primitivo”, “que apenas evolucionou durante o último século”, abundou o deputado socialista. “Aproveitando os avances en diagnose, evitaríanse os baleirados sanitarios que poden ser unha sentenza de morte para granxas que adoitan estar en zonas afectadas polo despoboamento”, concluíu o deputado provincial socialista.  

Discriminacións do PP en educación musical 

Os populares, apoiados por DO desta volta, tamén se opuxeron a requirir da Xunta de Galicia a financiación completa dos cinco conservatorios de grao profesional que hai na provincia (O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia). Durante o debate da moción, a deputada socialista Elvira Lama fixo fincapé “no agravio comparativo que existe entre os conservatorios profesionais da provincia e o de Ourense, que si é completamente sufragado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia”. Lama laiouse de que sexan os concellos os que soportan os “elevados gastos” destes centros “no que supón unha clara discriminación entre a capital e municipios con moita menor capacidade económica”. 

“É de xustiza que, independentemente do seu lugar de residencia, todas as nenas e nenos da nosa provincia teñan as mesmas oportunidades que os da capital para formarse musicalmente, de aí que os concellos, malia que se trate dunha competencia impropia, se vexan empuxados a asumir a financiación destes conservatorios, o cal supón unha enorme carga para as arcas municipais”, explicou Lama. A deputada socialista ponderou que, a iniciativa socialista, a Deputación aprobase unha modificación de crédito que contempla unha partida de 200.000 euros a repartir entre os conservatorios profesionais da provincia. “Un paso que é de agradecer, pero que é insuficiente para cubrir os custos reais destes conservatorios”, rematou Lama.