Comezan as obras de eliminación de verteduras ó río Limia

Comezan as obras de eliminación de verteduras ó río Limia

Con esta actuación rematarase o saneamento de Xinzo

 O Concello de Xinzo de Limia, en colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), complácese en informar sobre o significativo avance nas obras de eliminación de verteduras ao río Limia no noso concello. Deuse testimonio nunha visita a Xinzo de Limia de José Antonio Quiroga, presidente da CHMS, que estivo acompañado do alcalde Amador Díaz e do resto da corporación municipal.


20240503 120906

As obras, que supoñen unha inversión próxima ao millón de euros, teñen como obxectivo recoller as verteduras de diversas áreas críticas, incluíndo o antigo matadoiro, a estrada de Baltar e a Avenida de Portugal, así como as edificacións da marxe esquerda do río, piscinas municipais, pavillón e outras instalacións deportivas. Estas verteduras serán tratadas na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) municipal, contribuíndo así a mellorar a calidade da auga e protexer o noso entorno natural.

O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, destacou a importancia destas obras para a comunidade: "Estas actuacións son fundamentais para preservar a saúde do noso río Limia e garantir un entorno máis limpo e seguro para todos os nosos veciños. Agradecemos a colaboración da CHMS neste importante proxecto e instámolos a seguir explorando novas vías de traballo conxuntas".

O proxecto inclúe a construción dun colector na marxe esquerda do río Limia, así como a instalación dunha estación de bombeo para dirixir as augas residuais cara á rede municipal de saneamento e, posteriormente, á EDAR de Xinzo de Limia.

A pesar de que estas obras estaban inicialmente programadas para novembro de 2023, o seu inicio tivo que pospoñerse debido ás intensas choivas que afectaron á zona. Esta decisión tomouse co fin de garantir a seguridade e a eficacia dos traballos.

Desde o Concello de Xinzo de Limia, agradecemos a colaboración institucional e o compromiso de todas as partes implicadas neste importante proxecto. Continuaremos traballando conxuntamente para preservar o medio ambiente e mellorar a calidade de vida no noso Concello.