Ana Miranda estivo de visita ao encoro das Conchas
Repite a visita de fai 5 anos
A eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas do vindeiro 9 de xuño, Ana Miranda, comprometeuse a seguir denunciando na Eurocámara a falta de saneamento dos ríos e encoros galegos “todas as veces que sexan necesarias” até acadar ese saneamento imprescindible para protexer o medio ambiente do noso país. “É inadmisible a contaminación por cianobacterias que existe no encoro das Conchas desde hai anos e denunciada continuamente pola veciñanza e os colectivos ecoloxistas”, sinala a eurodeputada galega, quen visitou a zona xunto a deputada no Parlamento Galego, Sonia Vidal.
“Estamos diante dun novo exemplo de incompetencia do goberno
galego do Partido Popular, que leva anos sen preocuparse polo saneamento das
augas”, manifestou Ana Miranda, quen critica que ao PP non lle importa “o máis
mínimo” o medio ambiente nin desenvolver unha xestión axeitada dos puríns que
producen as granxas na Baixa Limia. Lembrou que este problema foi denunciado no
Parlamento Europeo en diversas ocasións e que coa Directiva de Emisións
Industriais, recentemente aprobada, “será obrigatorio que a Xunta teña que
cumprir coa limpeza das augas e restauración dun ecosistema vivo do que toda a
comarca podía estar disfrutando”.
“Hai que conciliar a agricultura co medio ambiente”, defendeu a
eurodeputada do Bloque, quen sinala ademais que esta contaminación do encoro
das Conchas supón un “claro incumprimento da Directiva Marco da Auga”, que
establece un marco xurídico para protexer e rexenerar a auga e para garantir o
seu uso sostible a longo prazo. “Esta directiva di que hai que ter encoros e
ríos depurados, algo que non se está a facer por parte da Xunta de Galiza”,
apunta Miranda.
Pola súa banda, a deputada no Parlamento Galego, Sonia Vidal,
denunciou que aínda non se puxo en marcha o plan estratéxico da Limia, que
segundo indicou “leva un tempo no caixón pero podería ser unha solución para
este problema do encoro e da comarca da Limia”. Sinalou tamén que os gandeiros
e agricultores tamén tiñan propostas para solventar o problema da Limia, que
non se tiveron en conta.