Bande celebra os XXIX Encontros de Teatro Escolar e Amateur
Outro ano mais 11 centros educativos representarán as súas obras teatrais en Bande.
Un total de 11 centros escolares e grupos amateurs das provincias de Lugo, Pontevedra e Ourense confirmaron a súa participación nos XXIX Encontros de Teatro Escolar e Amateur. As obras serán representadas no salón de actos do CEIP Xoaquín Lourenzo, en Bande.
O programa axustouse do día 13 ao 15 de maio ao ser o 16 non lectivo en algúns centros. Este evento, que conmemora o 17 de maio como Día das Letras Galegas, só admite obras escritas integramente en galego. Tódolos centros participantes recibiran un premio en metálico e un diploma de participación.
Outro ano mais os escolares do CEIP Xoaquín Lourenzo e o IES Aquis Querquernis de Bande serán os encargados de abrir e pechar este certame.
A inauguración destes encontros terá lugar o luns, 13 de maio, ás 10:00h. onde se subirá o telón coa representación da primeira obra “A aula de Tócame Roque” por parte do alumnado do CEIP Xoaquín Lourenzo e a clausura destes Encontros correrá a cargo do IES Aquis Querquennis coa obra “A tía lambida”. A programación vai contar con variedade de xéneros e de temáticas teatrais, incluindo adaptacións de varios clásicos.