Moitos caraveles vermellos na Feira das Mozas
Pouco a pouco a Feira das Mozas vaise facendo oco na axenda cultural galega
Onte celebrouse a 3ª Edición da Feira das Mozas cun mais que bo acollemento popular.
Dende a Asociación A Pantalla decidiron fai tres anos apostar por traer de volta unha das feiras mais importantes do ano, non so polo valor comercial, senón porque as mozas e mozos aproveitaban a feira do 14 de Maio para atopar un namorado ou namorada. As mozas levaban como sinal un caravel vermello facendo ver a súa condición de solteiras, caravel que lles entregaban os homes como sinal de interese.
Durante todo o día, no casco vello, houbo música a cargo de Lirolaio, Tarde Piache, Os Jhalos D´Antioquia e Candaira, xa pola tarde xogos populares para os mais cativos a cargo do C.D.R. O Viso e a mostra de Oficios e Saberes Populares, onde artesans da zona amosaronlle, a todo aquel que quixera, o arte de facer Corozas, traballar o Liño e facer sombreiros de Palla.
Cara o solpor puidose disfrutar da actuación de Lembranza Solpor co espectáculo Coelerni. O remate desta actuación a organización aproveitou para facer entrega de agasallos: o Concello de Xinzo, a Celso Ferreira (Corozas), a Rosa e Blasinda Gamallo (Liño e Sombreiros de Palla), a Sole e unha mención especial a señora Francisca, quen cedeu a foto orixinal de onde saiu o cartel deste ano da Feira das Mozas, agradecer a esas persoas e entidades sen as cales non sería posible a Feira das Mozas. Posteriormente tivo lugar o concerto de Ailá e xa como remate final unha foliada aberta para rematar o día ao grande.