DECISIÓNS IMPORTANTES

Foto cedida
DECISIÓNS IMPORTANTES

            Pasaron os tempos, e aqueles problemas, pero viñeron os da iluminación en tales locais; agora non premes nun pulsador, o aforro enerxético manda, e un, todo se debe narrar, ademais de máis vello e máis sensible á próstata, tivo que apandar cunha operación de prótese de cadeira que saíu mal, infectouse, por tanto nova operación, máis amolada; ao que importa, que durante meses levo de compañeiras a dúas muletas.

Os medios de comunicación, tanto de aquí como mesetarios, levan falando do mesmo, o de dimito ou non dimito, dende fai tempo, que a algúns, nos levan posto a cabeza tola, polo que cómpre volver reflexionar sobre temas verdadeiramente importantes, que só os mecanismos máis achegados á xente, e aos seus problemas, son quen de cumprir, como “Dende a Limia”, cal é, por exemplo, a iluminación nos baños dos locais de hostalaría.

            Vivín o primeiro problema, o dos baños, a principios dos anos oitenta cando facía a carreira en Santiago; os ventos da modernidade tiveron a ben trocar os letreiros de “homes” e “mulleres”, non por un “bois” e “vacas”, demasiado “bravú” naquel intre, senón por uns símbolos que non entendían nin os que foran sempre por cencias, e que levaron a que un servidor tivera algunhas experiencias desagradables, ao ir apurado á mexada nalgún pub compostelán, e abrir a porta atopando algunha moza co mínimo refaixo nos xeonllos.

            Pasaron os tempos, e aqueles problemas, pero viñeron os da iluminación en tales locais; agora non premes nun pulsador, o aforro enerxético manda, e un, todo se debe narrar, ademais de máis vello e máis sensible á próstata, tivo que apandar cunha operación de prótese de cadeira que saíu mal, infectouse, por tanto nova operación, máis amolada; ao que importa, que durante meses levo de compañeiras a dúas muletas.

            Resumindo a custión, cada vez que vas ao baño, nun bar, tes que pousar as muletas, e que non caian, manter o equilibro, buscar o aparello do regocixo, agora e en tales circunstancias só para miccionar, e cando comezas a luz vaise… prodúcese o terror, non vaias sair duchado, e moves un brazo, e o sensor lumínico non te recoñece, e apañas unha muleta e a moves, e o sensor lumínico segue en folga total, e acabas nunha postura que se alguén abre a porta e te atopa así, chama á Policía Local, á Garda Civil, ou ao Psiquiátrico, directamente para que che poña a camisa de forza. A verdade non o levo pasado ben por mor dunha iluminación ecolóxica que se apaga inmediatamente, cando aínda estás ao comezo do alivio evacuatorio líquido, sen que os movimentos estúpidos que fago, sexan quen de volver traer a luz salvadora que evite una desfeita, e un cambio de roupa. Dende este medio invito á creación dunha plataforma de afectados que reivindique a duración da iluminación, para unha mexada gorentosa e aliviadora, sen que quede en mexadiña cativera, ás carreiras, e insuficiente.

            Que conste que no Centro Social de A Filgueira (Porqueira), teremos moitas eivas e defectos, non o nego, pero polo menos a luz do baño, vale só temos un, é de premer, pero tamén saliento que a xente, maioritariamente, apaga ao acabar, polo que alí, o alivio é placenteiro, sensato, afastado de que teñas algún problema de rego non desexado polas perneiras abaixo.

            En fin, Plataforma Mexatoria Xa!, e que A Limia sexa punteira de vangarda nun tema tan importante, e que afecta a una morea de persoas que non se atreveron a alzar a voz. É o noso momento.